A Xunta pon en valor o transporte interurbano na Costa da Morte con 267 rutas

 O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destaca no Parlamento galego a ampla oferta de servizos nesta área e o incremento de viaxeiros nos últimos anos

Lembra as medidas habilitadas en diferentes treitos entre municipios para atender as necesidades da cidadanía, incluíndo o alumnado de ensinanza non obrigatoria

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, puxo en valor hoxe no Parlamento galego a oferta de transporte interurbano na Costa da Morte cun total de 267 rutas que inclúen paradas nalgunha das comarcas de Fisterra, Terra Soneira, Bergantiños e Xallas. Ademais, esta zona dispón dunha ampla oferta de servizos. En concreto, 58 ao día de luns e a venres entre Carballo e A Coruña en ambos sentidos -18 deles directos- e outros 30 na fin de semana.

No que se refire en concreto á liña entre Carballo e A Coruña incidiu en que nun día laborable se habilitan máis de 950 prazas nos autobuses que cobren os servizos directos entre estes dous concellos. Nesta liña, sinalou que a importancia deste eixo de comunicación se acredita co incremento de persoas usuarias. Así, se en 2023 se rexistraron case 235.000 viaxeiros, en 2024 superaron os 272.000, e en 2025 a tendencia seguiu á alza, con máis de 290.000 viaxeiros, un 8% máis.

Diego Calvo lembrou que a Xunta, sempre que é factible e na medida dos recursos dispoñibles, adecúa os servizos ás necesidades das persoas viaxeiras coa creación de novos servizos, o incremento de frecuencias, o axuste de horarios e o aumento da capacidade dos autobuses.

No caso da Costa da Morte, puxo como exemplo medidas dirixidas precisamente a atender as demandas a ampliación do servizo de primeira hora da mañá na liña Fisterra-Cee-A Coruña para atender as necesidades do alumnado dos institutos da zona, a modificación de horarios entre Carballo e Corme para ampliar as opcións de enlace dos autobuses que chegan a Carballo desde A Coruña, ao igual que no servizo que emprega o alumnado de Ponteceso do IES Monte Neme de Carballo. Ademais, engadíronse novas paradas en Dumbría nos servizos que conectan con Cee en horarios de instituto e creouse un novo servizo de luns a venres ás 08,00 horas para o alumnado do IES Terra de Soneira de Vimianzo.

Transporte adaptado ás necesidades

Deste xeito, aclarou que tanto na Costa da Morte como no resto de Galicia o transporte escolar está garantido con praza asignada e horarios de autobús axustados aos do centro de ensino do alumnado. De feito, coas medidas postas en marcha a Xunta trata de axustarse tamén ás necesidades do alumnado de ensino non obrigatorio, sempre e cando non resulte incompatible co interese do conxunto das persoas usuarias.

Cómpre engadir o frecuente reforzo de servizos na liña entre Carballo e A Coruña, con catro servizos de luns a venres, dous por sentido, e os que activa a empresa para ampliar a capacidade, con 35 reforzos á semana no corredor Carballo-Arteixo- A Coruña.

Por outra parte, canto aos autobuses que unen A Costa da Morte con Santiago de Compostela e que pasan por Bertamiráns, no concello de Ames, a conexión entre esta localidade e a capital galega conta con máis de 10.000 prazas nunha xornada laborable. 

Galicia na Unesco

Por outra banda, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, en resposta a unha pregunta, rexeitou solicitar que Galicia forme parte da Unesco como membro asociado, porque a súa inclusión non suporía unha diferenza significativa da representación actual, exercida polo Goberno central.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/01/2026