A Xunta publica a convocatoria de axudas para proxectos de acción humanitaria no exterior para 2026

Segundo recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia, a convocatoria conta cunha dotación de 700.000 para que as ONGD galegas poidan canalizar as axudas ás súas iniciativas

As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes dende mañá, a través da sede electrónica da Xunta

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2026

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións anuais para proxectos de acción humanitaria no exterior. A dotación ascende a 700.000 euros, o que supón un incremento superior ao 27% respecto do ano anterior. Esta convocatoria enmárcase no Plan anual 2026 da Cooperación Galega.

Os proxectos que poden optar a estas subvencións son aqueles executados no exterior polas ONGD que posúan entre os seus fins a acción humanitaria ou conten con experiencia no desempeño de actuacións neste ámbito. Os proxectos terán unha duración máxima de 12 meses, rematando a súa execución antes do 31 de decembro de 2026 e podendo estar iniciados dende o 1 de xaneiro deste ano. Cada entidade pode presentar un proxecto individual e a presentación de solicitudes deberá realizarse a través da sede electrónica da Xunta ( https://sede.xunta.gal) no prazo dun mes desde mañá.

Enténdese por proxectos de acción humanitaria, consonte á iniciativa da Boa Doazón Humanitaria (GHD, nas súas siglas en inglés), aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises - provocadas por seres humanos ou por desastres naturais -, así como os destinados á prevención e reforzo da capacidade de resposta e a resiliencia para cando se produzan estas situacións. 

A acción humanitaria inclúe a protección de vítimas, así como a provisión de auga, comida, saneamento, refuxio, atención sanitaria e outros tipos de asistencia, emprendidos a favor das persoas afectadas, para facilitar o retorno á vida normal e aos seus medios de vida e sustento; tamén incorpora a redución e prevención do risco de desastres.

Data de actualización: 29/01/2026