Medio Rural presenta hoxe a nova Escola de Pastores impulsada en colaboración coa Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou hoxe no acto para dar a coñecer esta acción, que inclúe formación práctica e teórica, e agradeceu a cooperación dos gandeiros de Ovica
Xinzo de Limia (Ourense), 29 de xaneiro de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe na presentación da nova Escola de Pastores, impulsada en colaboración coa Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica). A xornada tivo lugar esta mañá no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde en Xinzo de Limia. Este proxecto céntrase na formación específica de pastoreo e conta tamén co apoio da Fundación La Caixa.
Esta acción formativa consta dunha parte teórica centrada na aptitude empresarial agraria especializada e outra práctica, que se impartirá no período de marzo a xullo e de setembro a outubro. Alemparte agradeceu a participación dos gandeiros de Ovica nesta iniciativa, xa que esta colaboración permite que o alumnado poña en práctica os coñecementos adquiridos en granxas de diferentes concellos ourensáns.
O director sinalou que o pastoreo “é máis que unha actividade produtiva”, xa que implica unha xestión sostible do territorio e contribúe a potenciar este tipo de cría en extensivo que crea unha barreira natural fronte os incendios forestais e promove un monte xestionado e produtivo. Alemparte asegurou que “ser hoxe pastor é ser un profesional cualificado”, con coñecementos técnicos e capacidade empresarial, afirmou que xogan ademais un papel clave na cadea alimentaria.