O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Ignacio Picatoste, presidiron a reunión do organismo

A Comisión Mixta de Xustiza aborda o avance na implantación da III fase da lei de eficiencia xudicial en Galicia nas cidades

No encontro estudáronse as actuacións finalizadas e as previstas, coa estimación de rematar a principios de febreiro a habilitación dos permisos tecnolóxicos do persoal funcionario para, posteriormente, proceder á súa reubicación nos espazos físicos definitivos

O proceso levase a cabo seguindo un cronograma a través do cal na Coruña e en Ourense xa está case implantada a nova oficina xudicial, nos servizos de tramitación e execución

A planificación tamén contempla acompañamento formativo aos profesionais de Administración de Xustiza para a súa adaptación ao novo sistema

A Coruña, 29 de xaneiro de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Ignacio Picatoste, presidiron hoxe a Comisión Mixta de Xustiza entre Xunta e TSXG. No encontro, no que tamén participou o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, abordouse o estado da aplicación da fase III da Lei de eficiencia xudicial en Galicia.

Cómpre lembrar que desde o pasado xullo xa está en funcionamento a fase I da normativa en 38 partidos xudiciais dos 45 existentes en Galicia que afectou tanto ás oficinas de xustiza como aos xulgados de paz, denominados oficinas de xustiza do municipio. Nesta fase III estase a facer o mesmo nos sete partidos restantes correspondentes ás sete grandes cidades transformando tamén os antigos xulgados en seccións dos tribunais de instancia.

Este proceso lévase a cabo seguindo un cronograma e, de feito, en Ourense, que funcionou como cidade piloto, e na Coruña, onde acaba de implantarse, xa está practicamente transformada a estrutura da oficina e celébranse xuízos con normalidade. Do mesmo xeito, no resto das cidades cubríronse os servizos esenciais como os de garda, de violencia sobre a muller ou de instrución, e estanse a despregar as demais áreas. Actualmente estanse a habilitar os permisos tecnolóxicos do persoal funcionario e prevese que se remate a principios de febreiro para, posteriormente proceder á súa reubicación nos espazos físicos definitivos. Ademais, o cronograma contempla acompañamento formativo e accións de capacitación aos distintos profesionais relacionados coa Administración de Xustiza en Galicia, incluíndo as ferramentas tecnolóxicas.

No encontro de hoxe tamén se abordou a reactivación da Xunta de Expurgo, para proceder á identificación, clasificación e posible destrución dos expedientes xudiciais rematados,  co fin de liberar espazos nos xulgados, sendo necesario para isto a formalización de novos contratos para a catalogación dos expedientes xudiciais.

Proxecto novas unidades xudiciais Ministerio

Por outra parte, con motivo da reunión, a Xunta aproveitou para facer referencia ao proxecto de Real Decreto no que avanza o Ministerio de Xustiza para a creación de 500 unidades xudiciais para 2026 en toda España, delas 19 en Galicia, o que supón menos do 4%. Nesta liña, o Goberno galego trasladou que considera que estas prazas son insuficientes para a comunidade en proporción á poboación e lamenta a deslealdade do Executivo estatal ao avanzar na tramitación deste proxecto sen recoller informe preceptivo das comunidades.

Deste proxecto a Xunta tamén bota en falta que non haxa novas nos tribunais de instancia de localidades como Vilagarcía, Viveiro, Carballo ou Sarria; así como que non se cree ningunha praza no TSXG na sala do Social nin na sección 6ª da Audiencia de Pontevedra en Vigo, unha con maior atasco, ao igual que ocorre coa 2ª praza que precisa o Mercantil de Vigo, xa que este último é con diferenza a praza xudicial que hoxe en día soporta a maior porcentaxe de módulo de entrada de asuntos de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/01/2026