A Xunta recoñece o traballo da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia para garantir a seguridade da cidadanía
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou na entrega de medio cento de distintivos de permanencia e de medallas ao persoal da unidade, na que se distinguiron actuacións extraordinarias, a traxectoria e antigüedade dos axentes ou a colaboración da UPA con outras institucións
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), na entrega de medallas e distintivos de permanencia ao persoal da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA), nun acto no que recoñeceu o compromiso, a profesionalidade, a vocación de servizo público e o labor esencial deste corpo policial para garantir e velar pola seguridade dos galegos e galegas. Tamén asistiron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, e o comisario xefe da UPA, Jorge Rubal.
Na súa intervención, Diego Calvo destacou que a UPA leva máis de tres décadas prestando “un servizo impagable en Galicia” e puxo en valor ademais o orgullo que supón para Galicia contar con esta unidade.
Durante o acto recibiron recoñecemento arredor de medio cento de axentes. Así, entregáronse case unha trintena de Cruces de prata ao mérito policial por servizos meritorios de carácter extraordinario, por exemplo, pola loita contra os incendios forestais o pasado verán ou pola intervención do Grupo Operativo de Actividades Subacuáticas da UPA no marco do continxente desprazado a Valencia tras a DINA.
Do mesmo xeito, recoñeceuse coa Cruz de bronce o servizo policial por 30 anos de traxectoria profesional continuada, ademais dunha decena de distintivos de permanencia polos 25, 20 e 15 anos de servizo. Outras doce distincións honoríficas destináronse a persoas alleas á unidade pola súa especial colaboración en diferentes actuacións.
No que se refire ao traballo conxunto entre institucións, outorgáronse tres placas colectivas pola colaboración destacada na loita contra os incendios forestais á Brigada Galicia VII (Brilat), no marco da operación Centinela Galego; ao Quinto Batallón da Unidade Militar de Emerxencias (UME); e á Dirección Xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural. Lembrouse ademais aos policías da UPA xubilados o pasado ano, aos que se lles agradeceu “unha vida enteira de servizo público e dedicación á sociedade galega”.