A Xunta amplía a febreiro o ensaio clínico Sincigal, que avalía a redución de ingresos en adultos grazas á vacina fronte ao virus respiratorio sincitial

Na xornada de onte, sábado, un total de 3.338 persoas participaron na xornada extraordinaria do ensaio clínico nos hospitais públicos galegos

Hoxe repítese a convocatoria extraordinaria para participar no estudo, sen cita previa, nos 14 hospitais do Servizo Galego de Saúde

Ao longo do mes de febreiro manterase a posibilidade de participar durante a semana acudindo aos hospitais ou a algún dos máis dun cento de centros de saúde adscritos ao estudo

Para aumentar a accesibilidade das persoas maiores que desexen participar no Sincigal, esta semana equipos de enfermería do proxecto comezaron a desprazarse a residencias sociosanitarias

Ata o de agora xa colaboraron no estudo case 42.300 persoas

Os interesados en participar no estudo Sincigal teñen á súa disposición o teléfono gratuíto 900 842 217 para resolver dúbidas

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2026

A Xunta, a través da Consellería de Sanidade e a Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, amplía a todo o mes de febreiro o ensaio clínico Sincigal, que avalía a redución de ingresos en adultos grazas á vacina fronte ao virus respiratorio sincitial.

Ademais, esta fin de semana volvéronse habilitar de forma extraordinaria os 14 hospitais públicos para facilitar a participación neste ensaio clínico Sincigal, no cal xa colaboraron en total 42.294 persoas.

Na xornada de onte sábado, un total de 3.338 persoas participaron no ensaio clínico nos 14 hospitais públicos galegos. Máis concretamente, achegáronse 634 persoas ao hospital da Coruña; 72 ao de Cee; 396 ao de Ferrol; 96 ao da Mariña; 266 ao de Lugo; 46 ao de Monforte de Lemos; 38 ao do Barco de Valdeorras; 190 ao de Ourense; 23 ao de Verín; 507 ao de Vigo; 307 ao de Pontevedra; 99 ao do Salnés; 147 ao de Barbanza; e 517 ao de Santiago de Compostela.

Aumento da accesibilidade

Ademais, ao longo de todo o mes de febreiro, calquera persoa maior de 18 anos que desexe participar no ensaio tamén pode participar acudindo sen cita previa nos puntos habilitados nos hospitais, en distintos horarios, de luns a venres. Os horarios poden ser consultados na web do ensaio clínico Sincigal.

Tamén seguirán activos os máis de 130 centros de saúde participantes, que figuran na seguinte ligazón.

Para aumentar a accesibilidade das persoas que desexen participar no ensaio clínico Sincigal, esta semana equipos de enfermería do proxecto comezaron a desprazarse a residencias sociosanitarias para informar e ofrecer a colaboración no estudo sobre esta vacina, xa autorizada para a súa administración.

As persoas interesadas en participar neste estudo teñen á súa disposición o teléfono gratuíto 900 842 217 e a web do proxecto sincigal.com para resolver dúbidas.

A Consellería de Sanidade e a Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago buscan evidencia científica que sirva para valorar a eficiencia da vacina fronte ao virus respiratorio sincitial en adultos, como xa se logrou co estudo Galflu, que serviu para incluír na sanidade pública a vacina de alta carga fronte á gripe para maiores de 70 anos.

Data de actualización: 01/02/2026