A Xunta apoiou con 15.000 euros a mellora e equipamento do local social da asociación de veciños de San Xoán de Tirimol

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou as instalacións, reformadas con cargo á orde de axudas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para colaborar coas entidades veciñais

Lugo, 1 de febreiro de 2026

A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes achegou 15.000 euros á asociación de veciños de San Xoán de Tirimol (Lugo) para facer reformas no seu local social e adquirir equipamento.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou hoxe as instalacións para coñecer as  obras realizadas, financiadas con cargo á orde anual de axudas destinadas ás organizacións veciñais galegas.

A intervención incluíu a colocación de falso teito; renovación do chan; reparación e pintado dos paramentos interiores; traballos para mellorar a accesibilidade no aseo e ampliación da cociña. Tamén se actuou nas instalacións de electricidade e fontanería.

Ademais, a entidade adquiriu mobiliario – mesas e cadeiras- e outro equipamento necesario para desenvolver as actividades lúdicas e culturais que organiza durante todo o ano.

Arias destacou o importante papel que xogan as asociacións de veciños “fomentando a participación cidadá e a cohesión social nos barrios e parroquias da provincia, con especial incidencia nas zonas rurais”, apuntou.

A Xunta colabora con estas agrupacións a través desta liña axudas que se publican anualmente. Na convocatoria de 2025 resultaron beneficiarias 14 asociacións do municipio de Lugo, que sumaron apoios por valor de 152.200 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/02/2026