A Xunta colabora co Club de Piragüismo Cidade de Lugo na renovación de catro embarcacións

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que a Secretaría Xeral para o Deporte achega 10.000 euros con cargo ao programa de axudas para equipamento 

Lugo, 2 de febreiro de 2026

A Xunta de Galicia colabora co Club de Piragüismo Cidade de Lugo facilitando a renovación de catro embarcacións a través do programa de axudas da Secretaría Xeral para o Deporte para a adquisición de equipamento.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe as instalacións da entidade, que recibiu do Goberno galego 10.000 euros para a compra de tres kayaks e unha canoa. Destacou que foi unha das beneficiarias que acadou a contía máxima das axudas  destinadas a mobilidade -para embarcacións e vehículos-.

No conxunto da provincia distribuíronse en achegas un total de 126.900 euros para clubs de distintas modalidades deportivas, entre elas ciclismo, atletismo, karate, judo, taekwondo, loita, fútbol, fútbol sala, hockey en liña, voleibol, ximnasia, deportes de raqueta ou billar.

Entre o equipamento adquirido polos diferentes clubs destacan catro furgóns, así como bicicletas, tatamis, remolques, patíns, elementos de protección, marcadores portátiles ou mesas de billar, xunto con outras dotacións.

Arias incidiu no compromiso do Goberno autonómico coas entidades deportivas, “que sustentan o deporte base, impulsan novos talentos e fomentan actividades inclusivas e integradoras“.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/02/2026