Ponte Caldelas mellora o asfaltado dunha pista en Regodobargo grazas a unha achega da Xunta de máis de 52.000 euros
A actuación lévase a cabo grazas ás axudas do Plan Camiña Rural para a mellora de infraestruturas no medio rural
O delegado territorial destacou a importancia destas intervencións para mellorar a calidade de vida da veciñanza
Ponte Caldelas (Pontevedra), 2 de febreiro de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o lugar de Regodobargo, no concello de Ponte Caldelas, con motivo das obras de asfaltado dunha pista rural executadas ao abeiro das axudas do Plan Camiña Rural da Xunta de Galicia.
Esta actuación contou cun investimento de máis de 52.000 euros e permitiu mellorar o estado dunha vía fundamental para o acceso ás vivendas e ás parcelas agrícolas da zona, incrementando a seguridade viaria e facilitando o día a día da veciñanza.
O Plan Camiña Rural ten como obxectivo mellorar a rede de camiños municipais no rural galego, favorecendo a mobilidade, o desenvolvemento económico e a fixación de poboación no territorio. Trátase dunha ferramenta clave para apoiar aos concellos na conservación e mellora das súas infraestruturas básicas.
Durante a visita, o delegado territorial puxo en valor este tipo de investimentos que “responden a necesidades reais da cidadanía e contribúen a garantir servizos e condicións de vida dignas no medio rural”.
A Xunta continúa así a súa aposta decidida polo rural, colaborando cos concellos para mellorar as comunicacións e reforzar a cohesión territorial a través de actuacións concretas e eficaces.