A Xunta destina preto de 53.000 euros á mellora das instalacións de catro comunidades de augas no concello de Pontevedra

Preto de 160 entidades da provincia de Pontevedra recibiron un total de máis de 1,7 millóns de euros para mellora das súas instalacións e compra de material

O delegado territorial asegurou que a Xunta seguirá colaborando coas comunidades de usuarios galegas

 

Pontevedra, 2 de febreiro de 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou as instalacións da Comunidade de Augas de Acevedo, no concello de Pontevedra, que foi beneficiaria dunha axuda de 12.000 euros da Xunta para a mellora das súas infraestruturas.

Estas axudas, xestionadas pola dirección xeral de administración local, permitiron mellorar o depósito desta comunidade de usuarios, contribuíndo a garantir a calidade, a seguridade e a correcta prestación do servizo de abastecemento de auga aos fogares da zona.

Así, os traballos permitiron renovar o peche das captacións e instalar un novo sistema de ventilación nas mesmas. Ademais, instalouse unha electroiválvula que regula de forma precisa e eficiente o fluxo de auga.

No conxunto do concello de Pontevedra foron catro as comunidades de augas beneficiarias destas axudas, cun investimento total de preto de 53.000 euros.

A nivel provincial, estas subvencións chegaron a un total de 160 entidades da provincia de Pontevedra, cunha achega global de máis de 1,7 millóns de euros entre a liña destinada á execución de obras e a orientada á compra de material.

Durante a visita, o delegado territorial destacou a importancia de seguir apoiando a estas comunidades de usuarios que “desenvolven unha labor esencial para manter servizos básicos de calidade en moitos puntos do rural e do ámbito periurbano”, e reiterou o compromiso da Xunta de continuar colaborando con elas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/02/2026