María José Gómez presenta unha convocatoria “histórica” do programa Leader para impulsar o desenvolvemento socioeconómico do rural

A conselleira do Medio Rural visitou as instalacións de Efigalia Energy, en Chantada, empresa beneficiaria destas achegas para a construción dunha nave na que levan a cabo a súa actividade relacionada coas enerxías renovables

Lembrou que desde hoxe poden presentarse as solicitudes destas axudas dotadas con 28,7 millóns de euros ata 2028, a maior convocatoria da historia para o desenvolvemento rural

No pasado ano apoiáronse máis de 340 proxectos cun investimento de 12,6 millóns de euros, que permitirán crear 175 postos de traballo e consolidar outros 755 empregos

Chantada (Lugo), 3 de febreiro de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez; e polo alcalde de Chantada, Manuel Varela; salientou hoxe a contribución das axudas Leader ao desenvolvemento do tecido socioeconómico nas zonas rurais. Fíxoo na súa visita ás instalacións de Efigalia Energy, no polígono industrial dos Acivros, empresa que foi beneficiaria destas achegas.

Neste sentido, a conselleira explicou que proxectos coma este exemplifican o que supón o programa Leader. Concretamente, cunha achega de 200.000 euros financiouse a construción dunha nave para oficinas, almacén, montaxe e xestión de instalacións de enerxías renovables, con todas as dependencias e zonas necesarias para o seu funcionamento.

Todo isto, co obxectivo de ofrecer un mellor servizo, mellorar en competitividade e crear emprego. Cómpre engadir que, neste mesmo polígono industrial, a empresa Metal Carballedo tamén recibiu unha axuda de máis de 100.000 euros para realizar unha nave destinada a fabricación de mobiliario e carpintería de metal.

A titular de Medio Rural lembrou que onte publicouse esta convocatoria destas axudas, que se poden solicitar desde hoxe ata o 6 de abril, as cales están dotadas cun orzamento de 28,7 millóns de euros ata 2028, a maior da historia para o desenvolvemento rural. Gómez destacou que esta distribución por tres anualidades permitirá que os beneficiarios poidan desenvolver as súas iniciativas cunha maior marxe de tempo, xa que se financiarán proxectos produtivos xeradores de emprego e autoemprego, así como non produtivos que beneficien á poboación rural.

Ademais, esta convocatoria da intervención Leader volve incluír o Bono activa rural, unha subvención que se basea nun importe de axuda a tanto global destinada á creación e posta en marcha de actividades non agrarias nestas contornas, cunha subvención máxima de 18.000 euros.

Na visita, a conselleira aproveitou para facer fincapé na proposta da nova PAC e insistiu na necesidade de blindar os dous piares fundamentais, que son as axudas directas e os fondos para desenvolvemento rural, entre os que se atopa o programa Leader. Neste senso, reafirmou a importancia de dispoñer deste financiamento para seguir apoiando proxectos como o de Efigalia Energy.

Máis de 340 proxectos beneficiados en 2025

A pasada convocatoria de 2025 permitiu beneficiar máis de 340 proxectos e contou cun orzamento de 12,6 millóns de euros. Favorecerá a creación de 175 postos de traballo e a consolidación doutros 755. Asemade, 18 destes proxectos solicitaron a axuda co Bono activa rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/02/2026