A delegada territorial de Ferrol visitou esta mañá o concesionario Autogándara, entidade colaboradora adherida
Martina Aneiros lembra a convocatoria do programa Renova o teu vehículo para a compra de vehículos eléctricos ou de baixas emisións
Esta convocatoria da Consellería de Economía e Industria conta cun orzamento de 3,5 M€ para este ano
O prazo para solicitar estas subvencións remata o 30 de setembro ou ata o esgotamento do crédito
Ferrol, 3 de febreiro de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o concesionario Autogándara. de Ferrol, unha das entidades colaboradoras adheridas ao programa Renova o teu Vehículo para a adquisición de vehículos eléctricos ou de baixas emisión, dirixido a particulares e empresas. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía e Industria e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), vai a destinar a este programa un orzamento de 3,5 M€, coa previsión de contribuír á venda duns 1.600 vehículos eficientes con axudas de ata 4.000 euros que ascenden a 4.600 euros no caso de familias numerosas. Esta convocatoria permanece aberta ata o 30 de setembro ou, no seu caso, ata o esgotamento do crédito.
Estas axudas subvencionan a compra de vehículos novos, turismos ou furgonetas, que cumpran determinadas características de emisións e que teñan un custe inferior ou igual a 42.000 euros (impostos incluídos). Esta cantidade amplíase ata os 47.000 euros (impostos incluídos) para vehículos eléctricos con autonomía maior a 30 km en modo eléctrico e en 6.000 euros adicionais cando se trate dun vehículo adaptado para a utilización de persoas con discapacidade ou se dispoña de oito ou nove prazas.
Para acceder a estas achegas, en réxime de concorrencia non competitiva, será requisito imprescindible que o comprador acredite a baixa definitiva de circulación dun vehículo a achatarrar, que deberá ter unha antigüidade de, polo menos, dez anos se se trata dun turismo ou de 5 anos se é unha furgoneta. Un particular poderá adquirir un único vehículo e, no caso de ser autónomo ou empresa, ata un máximo de 10 unidades.
“Este programa favorecerá a mobilización directa de 37 millóns de euros, así como o aforro enerxético anual equivalente a preto de 350.000 litros de gasóleo, complementando con este plan o programa estatal MOVES III, con axudas para vehículos eléctricos e infraestruturas de recarga”, destacou Aneiros.