A Xunta e o concello de Vilanova de Arousa analizan actuacións de mellora das infraestruturas portuarias deste municipio

A conselleira do Mar abordou co alcalde vilanovés e con Portos de Galicia o estado dos proxectos en tramitación e as prioridades de investimento no ámbito portuario

Santiago de Compostela, 4 de febreiro do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo un encontro co alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, na que se analizaron actuacións vinculadas ao espigón do Terrón e a outras infraestruturas portuarias de interese para o municipio.

Na xuntanza, na que participou tamén o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, avaliouse a posibilidade de priorizar a urbanización do contradique do espigón do Terrón para uso peonil, incluída como actuación complementaria no proxecto construtivo. Ademais, o alcalde solicitou que se realice neste contradique unha obra de toma de auga salgada para unha instalación lúdico deportiva que está en proxecto.

Na reunión tamén se abordaron outras cuestións relacionadas co uso e mantemento de instalacións portuarias do municipio e aproveitouse para facer seguimento das actuacións executadas e as previstas por Portos de Galicia neste concello da ría de Arousa. Entre elas destaca a mellora de pavimentos nos pantaláns pesqueiros e mexilloeiros, actualmente en fase de licitación, e futuras actuacións de renovación de firmes nos viarios portuarios.

Marta Villaverde puxo en valor o investimento continuado neste municipio pontevedrés tanto en infraestruturas portuarias como en actuacións de apoio ao sector pesqueiro, marisqueiro e á industria vinculada ao mar, reiterando o compromiso do Goberno galego coa mellora da seguridade, da funcionalidade dos portos e do desenvolvemento económico ligado ao mar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/02/2026