O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe recolle as bases que rexen a concesión desta axuda económica directa ás familias
A Xunta publica a nova convocatoria de axudas da Tarxeta Benvida, que conta cun orzamento de case 32 millóns de euros
Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova convocatoria da Tarxeta Benvida para este ano 2026, á que a Xunta destina un total de 31,9 millóns de euros. Deste xeito, o Goberno galego consolida o apoio económico aos fogares nos que se producira ou se fora producir un nacemento, adopción ou acollemento permanente. Desde o inicio deste programa no ano 2016 ata a actualidade, xa resultaron beneficiadas case 120.000 familias.
Na orde de axudas deste 2026 consolídanse as melloras realizadas nas últimas convocatorias e especialmente na do ano 2024, na que se introduciu a posibilidade de conceder a Tarxeta Benvida a mulleres embarazadas a partir da semana 21 da xestación, Na convocatoria do exercicio pasado, as solicitudes por esta modalidade superaron o 65% do total, o que demostra a boa acollida desta medida.
Tamén se mantén nesta nova orde a opción de outorgar esta tarxeta ás familias que acollan de xeito permanente a un ou máis menores de ata tres anos de idade. O obxectivo desta medida é fomentar o acollemento familiar.
Ademais destas melloras que se consolidan, simplifícase aínda máis os trámites ao eliminar o anexo de solicitude de extensión da tarxeta e facer dita revisión totalmente de oficio.
Contías
Con carácter xeral, a contía total da axuda que reciben as familias a través desta tarxeta moedeiro é de 1.200 euros durante o primeiro ano de vida da crianza. Esta cantidade duplícase o primeiro ano para o terceiro fillo ou filla e sucesivos, e increméntase un 25% para as familias que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes. Así mesmo, a vixencia da tarxeta pódese estender ata os catro anos de vida da crianza para aquelas familias en situación de especial vulnerabilidade.
A Tarxeta Benvida está destinada a atender os gastos relacionados co nacemento, adopción ou acollemento permanente de menores de ata tres anos de idade, que estean derivados da compra de produtos para a crianza. Pode usarse en establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia, así como en farmacias, parafarmacias, ópticas, librarías, supermercados e tendas de alimentación.
Esta axuda forma parte das iniciativas que ten en marcha o Goberno galego para apoiar ás familias, tales como: a gratuidade das escolas infantís, as casas niño ou o Bono Concilia Familia.