Medio Rural publica unha das resolucións para plans de mellora de mozos incorporados ao agro no 2024
O Diario Oficial de Galicia inclúe hoxe esta disposición, destinada a financiar os plans de mellora dos mozos beneficiarios da convocatoria de incorporación de 2024 e que se quedaron sen financiamento ese ano
En total son 65 os mozos beneficiados, que recibirán unha achega conxunta de arredor de cinco millóns de euros, o que supón 76.000 euros de media por explotación
Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha das resolucións da convocatoria de 2025 destinada a financiar os plans de mellora dos mozos beneficiarios da convocatoria de incorporación do ano 2024 que, ese ano, se quedaran sen ese financiamento.
Son 65 beneficiarios en total, que recibirán unha achega conxunta de arredor de cinco millóns de euros, o que supón 76.000 euros por explotación de media e lles garante, en resumo, a viabilidade do seu proxecto. Estas subvencións enmárcanse no Plan estratéxico da PAC (PePAC) 2023-2027 e están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader).
Tal e como se establece na resolución, a actividade agraria na explotación, así como os investimentos cofinanciados, deberán manterse durante un período de cinco anos, ou tres no caso de mantemento de investimentos ou de postos de traballos creados por pequenas e medianas empresas.
Estas axudas teñen como finalidade mellorar a orientación ao mercado e aumentar a competitividade das explotacións agrícolas a curto e longo prazo, así como incidir na remuda xeracional no sector agrogandeiro. A medida súmase a outras iniciativas desenvolvidas pola Consellería do Medio Rural con este mesmo obxectivo, entre as que salientan o Banco de Explotacións, o impulso á formación agraria ou o programa de titorización de novos activos incorporados.
A maiores cómpre lembrar, tal e como avanzou onte a propia conselleira, que a Xunta publicará no primeiro trimestre deste ano unha nova convocatoria para favorecer a remuda xeracional, dotada cun orzamento de 53 millóns de euros. Destes fondos, 23 millóns son para apoiar a incorporación de mozos e os 30 millóns restantes para os plans de mellora asociados a esta incorporación.