A Xunta destina máis de 900.000€ a prol da mellora das infraestruturas municipais nos concellos da provincia de Ourense

Manuel Pardo destacou que a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes investiu máis de 28.000 euros na mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais no edificio do concello dos Blancos

Con esta iniciativa - aclarou o delegado territorial- a Xunta pretende impulsar a calidade de vida da veciñanza das áreas rurais a través da colaboración cos concellos e así favorecer a fixación de poboación e garantir o equilibrio no territorio galego entre o medio rural e o urbano

O representante do Goberno galego explicou que as actuacións subvencionables son as obras de construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de edificios ou instalacións ou dependencias municipais, nas redes de alumeado público; a pavimentación de camiños públicos municipais; e as obras en prazas, parques, paseos e rúas

Ourense, 05 de febreiro de 2026

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao municipio dos Blancos para, acompañado do seu alcalde, José Manuel Castro, supervisar o remate das obras de mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais no edificio do concello, nas que Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes investiu máis de 28.000 euros.

Na súa visita, o delegado territorial puxo en valor que na resolución da orde de axudas para a mellora de infraestruturas de uso público do 2025, a Xunta destinou máis de 900.000 euros en 28 actuacións en 24 concellos e catro agrupacións da provincia co fin de impulsar a calidade de vida da veciñanza das áreas rurais a través da colaboración cos concellos, como entidades máis próximas á cidadanía e motores do desenvolvemento económico, e así favorecer a fixación de poboación e garantir o equilibrio no territorio galego entre o medio rural e o urbano a prol dunhas óptimas condicións de vida con independencia do lugar de residencia.

Manuel Pardo explicou que esta convocatoria, que contou cun orzamento en Galicia de 3,5 millóns de euros, enmárcase no  compromiso do Goberno galego co eido local, especialmente cos municipios de menor poboación, xa que está destinada a municipios de menos de 30.000 habitantes individualmente ou agrupados. Nesta liña, concretou que son actuacións subvencionables as obras de construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de edificios ou instalacións ou dependencias municipais, nas redes de alumeado público; a pavimentación de camiños públicos municipais; e as obras en prazas, parques, paseos e rúas. A estas engádense a creación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinadas á prestación de servizos municipais, así como a mellora da súa accesibilidade ou a dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias.

O representante do Goberno galego tamén subliñou que se financian ata o 80% do orzamento da obra ou equipamento que se vai realizar, co límite de 40.000 euros para as solicitudes individuais e de 50.000 euros para as conxuntas ou as presentadas por concellos resultantes dun proceso de fusión.

 Os concellos beneficiados

O delegado territorial detallou que ademais deste municipio foron beneficiados Agrupación Allariz -Vilar de Santos, A Arnoia, Beade, Beariz, Castrelo do Val, Entrimo, Laza, Lobios, Agrupación dos concellos de Maside e Maceda ,Maside (en solicitude individual), Agrupación dos concellos de Montederramo e Maceda, Monterrei, Muíños, Nogueira de Ramuín, Oímbra, Parada de Sil, O Pereiro de Aguiar, A Peroxa, Porqueira,  Agrupación dos concellos de Ribadavia e Melón , Riós, San Cibrao das Viñas, San Xoán de Río, A Veiga, Vilamarín, Vilariño de Conso, e Xunqueira de Ambía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/02/2026