O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a conselleira de Saúde de Cataluña, Olga Pané, visitaron esta tarde o Centro de Protonterapia de Galicia e a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica

Cataluña interésase polos proxectos punteiros da sanidade galega de protonterapia e xenoma

Galicia será a primeira comunidade en ofrecer terapia de protóns a pacientes de cancro na sanidade pública, a través dun proxecto financiado pola Fundación Amancio Ortega no que tamén participa Cataluña

A nosa comunidade desenvolve, ademais, un proxecto pioneiro a nivel internacional, o Xenoma Galicia, que xa recompilou o ADN de 4.000 galegos

O proxecto Xenoma Galicia avanza para chegar aos 400.000 co obxectivo de identificar posibles pacientes de cancro de mama e de ovario hereditario, de síndrome de Lynch e hipercolesterolemia familiar

Galicia expón a Cataluña as claves do éxito do calendario galego de vacinación e ferramentas de telemedicina vangardistas como Telea e E-Diabetes

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, recibiu hoxe á conselleira de Saúde de Cataluña, Olga Pané, para visitar iniciativas galegas á vangarda da sanidade pública como son o Centro de Protonterapia de Galicia e o traballo que desenvolve a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, que coordina o proxecto Xenoma Galicia.

Galicia foi a primeira comunidade autónoma en recibir o acelerador de protóns no marco do proxecto que financia a Fundación Amancio Ortega, cun investimento de 28 millóns de euros.

O Centro de Protonterapia de Galicia, que conta cun investimento total que superará os 60 millóns de euros entre a edificación e o equipamento, está previsto que comece a atender 250 cada ano a partir de finais deste mesmo ano ou inicios de 2027. Este proxecto está cofinanciado pola Unión Europea, a través do Programa FEDER de Galicia 2021-2027.

No marco do mesmo proxecto financiado pola Fundación Amancio Ortega, Cataluña ten en marcha tamén a construción, en Barcelona, dun centro para tratar pacientes de cancro con terapia de protóns na sanidade pública. A previsión é que entre en funcionamento en 2028.

No referente ao proxecto Xenoma Galicia, a conselleira de Saúde de Cataluña, Olga Pané, acudiu á Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, onde foi recibida polo seu director, o doutor Ángel Carracedo, e pola investigadora principal de Xenoma Galicia, María Brión.

Cun investimento de 20 millóns de euros, a Xunta márcase o obxectivo de recompilar o ADN de 400.000 persoas e xa conta coas mostras de 2.000 persoas do piloto e este mes comeza o convite progresivo de 5.000 participantes novos.

Pola porcentaxe de poboación incluída, Xenoma Galicia é un dos proxectos de maior envergadura do mundo. Permitirá ofrecer tratamentos farmacolóxicos individualizados, predicir o risco de enfermidades antes de apareceren para poder anticiparse a elas e evitalas grazas ao estudo do xenoma e da historia clínica.

Neste momento o proxecto piloto permitiu 19 deteccións de variantes xenéticas de alto risco de cancro de mama e de ovario hereditario, de síndrome de Lynch e hipercolesterolemia familiar. Posteriormente, infórmase das opcións de seguimento personalizado, de se deben facerlle probas a algún familiar e de hábitos de vida saudable que se poden seguir para diminuír o risco en caso de que, finalmente, apareza a patoloxía.

Saúde pública e teleseguimento

Durante a xornada, a Consellería de Sanidade presentoulle á responsable sanitaria catalá as claves de éxito do calendario de vacinación galego e das campañas que permiten que Galicia sexa cada ano líder en cobertura vacinal fronte a virus tan relevantes como a gripe. 

Ademais, expuxéronse as funcionalidades de novas tecnoloxías que permiten o teleseguimento de pacientes como é a plataforma Telea ou É-Diabetes.

Nas visitas tamén participaron o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, e o director de Asistencia Sanitaria do Sergas, Alfredo Silva.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/02/2026