A conselleira María José Gómez participou na inauguración da VI Exposición Agrogandeira de Trevinca, celebrada no concello ourensán da Veiga

Medio Rural avanza que o 20 de outubro se iniciará o pago dos 47 M€ do anticipo da campaña da PAC

María José Gómez reafirmou o apoio do Goberno galego ao sector agrogandeiro na actual situación que está a vivir, nun contexto de incremento dos custos de produción

Neste sentido, lembrou que a Xunta mobiliza 3,6 millóns de euros en axudas destinadas a compensar o incremento do prezo do gasóleo agrícola e tamén para compensar a suba dos fertilizantes

Ademais, tamén anunciou que en breve se resolverá a convocatoria de 2026 das achegas para a incorporación de mozos ao agro, así como dos plans de mellora asociados, dotadas neste ano cun orzamento de 53 millóns de euros

A Veiga (Ourense), 3 de outubro de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asistiu hoxe á inauguración da VI Exposición Agrogandeira Crianza Trevinca, onde avanzou que o 20 de outubro se iniciará o pago dos 47 millóns de euros do anticipo da campaña da Política Agraria Común (PAC), co obxectivo de favorecer a disposición de liquidez dentro do sector agrogandeiro diante do actual contexto de incremento dos custos de produción. “Desde a Xunta traballamos con seriedade e rigor para facilitar esta situación”, destacou.

Alén diso, a conselleira tamén lembrou o compromiso cos profesionais do sector a través da mobilización de 3,6 millóns de euros en axudas destinadas a compensar o incremento dos custos do gasóleo agrícola e dos fertilizantes, apoiando así a renda das explotacións e contribuíndo á súa viabilidade.

A maiores, durante a súa intervención reivindicou un prezo “xusto” para as persoas agricultoras e gandeiras perciban o que corresponde polos seus produtos de excelente calidade, ao mesmo tempo que anima a mozos e mozas a traballar neste eido produtivo. Seguindo esta liña, insistiu na importancia de apertura de novos mercados nos que poder colocar estes produtos recoñecidos pola súa excelencia. Así, destacou o papel de eventos coma esta Exposición Agrogandeira Crianza Trevinca, onde estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte.

Asemade, a conselleira adiantou que “en breve” se publicará a resolución da convocatoria das axudas para incorporación de mozos e mozas ao agro, así como dos plans de mellora asociados, que neste 2026 contou cun orzamento de 53 millóns de euros.

Colaboración co Concello da Veiga

Neste contexto, María José Gómez destacou o traballo da Consellería na recuperación de terreos para aumentar a base territorial para o sector gandeiro, poñendo en valor o impulso dos pasteiros. No caso do concello da Veiga, son oito os pasteiro desenvolvidos desde o ano 2021, cun investimento de máis de 830.000 euros. máis de 830.000 euros. Asegurou que no 2027 seguirase apostando por este tipo de instrumentos que contribúen ao desenvolvemento do rural galego, favorecendo a gandaría en extensivo e, tamén, a prevención dos incendios forestais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/10/2026