A Xunta destaca o éxito das ensinanzas especializadas que imparte o Centro de Formación e Experimentación Agraria de Becerreá

O delegado territorial, Alfonso Villares, explica que oferta dous ciclos de FP do eido forestal con 64 alumnos e alumnas matriculados; e 22 cursos de formación continua neste período con 419 persoas inscritas

Resalta o traballo que está a realizar a escola para ser centro de referencia das ensinanzas apícolas en Galicia

Becerreá (Lugo), 3 de outubro de 2026

 O delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares, destacou o éxito da ensinanzas espacializadas que imparte o Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Becerreá, coñecido na zona como Escola de Alta Montaña. Villares visitou o centro acompañado do director, Carlos Vázquez.

A oferta docente inclúe dous ciclos de Formación Profesional do eido forestal, con 64 alumnos e alumnas matriculados este curso – 50 homes e 14 mulleres-. Do total, 19 cursan o ciclo medio de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural; e 45 o  superior de Xestión Forestal e do Medio Natural.

A formación impartida ten unha compoñente altamente práctica, o que contribúe a que o alumnado acade un grao de destreza que o fai especialmente apto para a entrada inmediata no mundo laboral. Entre os postos con demanda destes profesionais figuran os de prevención de incendios, bombeiros forestais ou axentes ambientais.

O centro, dependente da Consellería do Medio Rural, tamén ofrece ao longo do ano formación continua de natureza agrogandeira e forestal, vinculada a áreas de interese para a comarca. A inscrición é libre, pero teñen preferencia as persoas titulares dunha explotación agropecuaria. A programación deste período inclúe 22 cursos que contan con 419 persoas inscritas.

Oito deles son de apicultura – con 125 alumnos e alumnas -, e os restantes enfócanse cara a temáticas como a manipulación de produtos fitosanitarios; manexo de maquinaria; novas tecnoloxías no agro; micoloxía; defensa contra incendios; reprodución de gando vacún; aplicacións cartográficas dixitais; taller de cercas fixas de arame; poda; coidado e rexeneración de soutos; e cultivo de maceiras de sidra.

Centro de referencia en apicultura

A formación en apicultura ten un peso específico no CFEA de Becerreá, que aspira a ser centro de referencia en Galicia nas ensinanzas desta especialización agrogandeira, na que teñen unha ampla experiencia.

O próximo obxectivo da escola é impartir o Certificado Profesional de Apicultura, de ámbito estatal, que acredita que unha persoa está cualificada para adicarse profesionalmente á actividade.

Para iso estase a avanzar en diferentes aspectos, como a ampliación das instalacións destinadas expresamente a impartir esta materia – acaban de construír unha aula apícola e está previsto habilitar un laboratorio ao carón da zona de prácticas, onde contan cun apiario de 15 colmeas -.

Villares subliñou a oportunidade que supón desenvolver ámbitos de especialización vinculados á actividade propia de cada zona, para o impulso do rural e para seguir promovendo a profesionalización do sector agrogandeiro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/10/2026