Medio Rural destaca a importancia económica e patrimonial do sector vitivinícola galego na Festa da Vendima de Monterrei
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias asistiu á inauguración desta celebración, na que enxalzou a calidade dos viños desta denominación de orixe
Ademais, lembrou o compromiso do Goberno galego co sector a través de diferentes liñas de axudas que supoñen un investimento anual de 12 millóns de euros
Monterrei (Ourense), 3 de outubro de 2026
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, José Balseiros, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acudiu hoxe á V Festa da Vendima de Monterrei, na que destacou a importancia económica e patrimonial do sector vitivinícola galego.
Neste contexto, o director xeral enxalzou a calidade dos viños desta denominación de orixe, unha das cinco recoñecidas na nosa comunidade. Neste sentido, cómpre salientar que este tipo de indicativos supoñen unha garantía da calidade e da procedencia do produto, xa que compren con estritos controis e regras que así o acreditan.
Así mesmo, Balseiros incidiu na importancia da vitivinicultura como un sector de gran peso na economía galega, xerador de emprego e actividade no medio rural, e como unha ferramenta fundamental para a sustentabilidade e a conservación do territorio, contribuíndo á prevención dos lumes forestais e á posta en valor do medio rural.
Ademais, lembrou o compromiso do Goberno galego con este sector, a través de diferentes liñas de axudas que supoñen un investimento anual de 12 millóns de euros, con achegas para a reestruturación e reconversión da viña, a promoción do produto galego en mercados de terceiros países ou o financiamento de investimentos en elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas. Tamén se conta cunha axuda específica para a conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra.