A Delegación Territorial de Lugo acolleu a presentación da cita, organizada pola Asociación Veciñal de Salcedo
A Xunta colabora co Entroido de Salcedo, na Pobra do Brollón, que se celebra do 14 ao 17 de febreiro
Ademais da saída do Oso, o programa conta coas tradicionais Madamas e Danzantes, os Disfraces de Campo, o pregón do antropólogo Rafael Quintía, teatro popular e actuacións musicais todos os días
Lugo, 6 de febreiro de 2026
A parroquia de Salcedo, na Pobra do Brollón, celebra do 14 ao 17 de febreiro o seu tradicional Entroido, impulsado pola Asociación Veciñal de Salcedo. A Xunta colabora coa iniciativa.
A Delegación Territorial de Lugo acolleu hoxe a presentación do programa, coa participación do delegado territorial, Javier Arias, e o presidente da agrupación organizadora, Lucas López, ademais doutros membros do colectivo.
O pregón será o domingo ás 17,00 horas a cargo do antropólogo Rafael Quintía, presidente da Sociedade Antropolóxica Galega. A continuación sairán as Madamas e Danzantes e os Disfraces de Campo. A saída do Oso, o elemento máis característico deste Entroido, será o luns ás 17,00 horas.
Ademais, ao longo dos catro días haberá funcións de teatro e animación musical, coas actuacións de Malenne, Alma DJ, Brabán Gaiteiros, Dúo Triada, Grupo Lume, as orquestras Suavecito e Los Players, a charanga Terras do Bibei e Mekanica Rolling Band. Tamén se desprazará a discoteca móbil A Duendeneta.
Así mesmo, o luns e o martes haberá dúas ceas populares, a primeira delas cunha foodtruck.