A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, visitou hoxe a actuación realizada no viario
A Xunta completa a humanización da avenida de Galicia en Vigo, cuxas dúas fases supuxeron un investimento de 6,7 M€
A Administración autonómica vén de rematar a segunda fase das obras na PO-323, que permitiu transformar 1,5 quilómetros da estrada, entre o IES de Teis e o límite con Redondela, na que se habilitou un novo paseo para o tránsito peonil e en bicicleta
Os traballos completan as obras levadas a cabo na primeira fase, na que se melloraron 500 metros entre o IES e a avenida da Mariña Española
A actuación integral incluíu a reordenación da sección transversal da estrada para redistribuír espazos, a reposición de pavimentos, o incremento nun 40% das prazas de aparcamento, a renovación da iluminación, arborado e novo mobiliario urbano
Allegue subliña a transformación executada para acadar unha contorna ordenada, habitable e segura no barrio vigués de Teis e destaca o compromiso da Xunta para seguir avanzando con infraestruturas “cada vez máis seguras, habitables e saudables”
Vigo, 6 de febreiro de 2026
A Xunta vén de completar as obras de humanización da avenida de Galicia en Vigo, cuxas dúas fases supuxeron un investimento de 6,7M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta en Vigo, e a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, visitou hoxe a actuación realizada e destacou o compromiso da Xunta para seguir avanzando con infraestruturas “cada vez máis seguras, habitables e saudables”.
Allegue subliñou a que a intervención supón “un antes de un despois” para o barrio de Teis e a cidade de Vigo, “cunha auténtica renovación” nesta estrada PO-323, onde se actuou nun total de 2 quilómetros para mellorar a seguridade e gañar espazo para as persoas.
En concreto, a Administración autonómica acaba de finalizar a segunda das dúas fases en que se dividiu a remodelación deste eixe vertebrador da parroquia de Teis, a humanización dun treito de 1,5km entre o IES e o límite co concello de Redondela. Previamente, executouse o tramo entre o instituto de Teis e a avenida da Mariña Española, de medio quilómetro.
A conselleira visitou hoxe a actuación realizada na segunda fase, que supuxo un investimento de 4,5M€, dos que 3M€ corresponden a fondos europeos MRR. Neste treito, a Xunta habilitou beirarrúas máis anchas e, na marxe esquerda da estrada, un novo paseo que permite tanto os desprazamentos peonís como en bicicleta.
Allegue puxo en valor as intervencións acadadas no conxunto desta humanización, que incluíron a reordenación da sección transversal da estrada para redistribuír espazos, a reposición de pavimentos, a habilitación de pasos peonís e mixtos en puntos estratéxicos, dotación de nova iluminación, plantación de arborado, novo mobiliario urbano e a creación de máis de 100 novas prazas de aparcamento, que sumadas as existentes supoñen un incremento total de arredor do 40%.
“Seguiremos -concluíu- nesta senda para a actuar en intervencións que redunden na mellorar na seguridade e no fomento da mobilidade sostible, porque as cidades requiren barrios habitables, seguros e con vida”.