A Xunta anuncia unha nova actuación na escola infantil de Vite para dotar de maior confortabilidade este centro
A conselleira de Política Social e Igualdade avanzou que as novas obras completarán o proxecto de cambio dos tellados e muros exteriores nos que investiu preto de 157.000 euros
Fabiola García nunha visita á Farmacia Castiñeiriño lembrou que as familias xa poden solicitar a Tarxeta Benvida da convocatoria do 2026
Santiago de Compostela, 8 de febreiro do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, anunciou esta mañá que a Xunta realizará unha nova actuación de mellora na escola infantil de Vite en Santiago, para mellorar a confortabilidade deste centro. Así o avanzou durante a visita ao recinto para avaliar o estado das obras realizadas o pasado ano.
Neste sentido, a conselleira lembrou que a inversión da Xunta na mellora desta escola é de case 157.000 euros divididos en tres fases de actuación. Nestes momentos xa se realizaron as dúas primeiras, centradas nos tellados, e queda unha terceira que se executará nos vindeiros meses.
Nova convocatoria da Tarxeta Benvida
A conselleira de Política Social e Igualdade tamén visitou a Farmacia Castiñeiriño, en Santiago, para lembrar a todas as familias que poden solicitar a nova convocatoria da Tarxeta Benvida. Trátase, segundo lembrou, dunha achega económica destinada á adquisición de produtos de primeira necesidade para os bebés ou outros útiles como os carriños, a cadeira do coche.... Así, indicou que moitas destas compras poden realizarse no comercio local, en tendas especializadas e tamén nas farmacias.
A Xunta inviste este ano preto de 32 millóns de euros a esta medida que xa beneficiou a máis de 120.000 familias galegas nos últimos anos. Ademais, desde o 2024 as mulleres embarazadas poden solicitar esta tarxeta desde a semana 21 de xestación, co obxectivo de mercar todo o necesario para a chegada do bebé.
A conselleira lembrou que a contía da axuda que reciben as familias a través deste programa é de 1.200 euros durante o primeiro ano de vida do fillo ou filla. Esta cantidade duplícase o primeiro ano para o terceiro fillo e sucesivos, e increméntase un 25% para as familias que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes. Así mesmo, a axuda pode estenderse ata os catro anos de vida do neno naqueles fogares especialmente vulnerables.