A conselleira María M. Allegue destaca o cocido como símbolo de identidade, convivencia e tradición tras ser nomeada comendadora en Lalín
Lalín (Pontevedra), 8 de febreiro de 2026
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, agradeceu en Lalín o seu nomeamento como Comendadora do Cocido, unha distinción que cualificou de honra e que a incorpora á familia de embaixadores dunha festa con 58 anos de historia e declarada de Interese Turístico Nacional. A responsable autonómica agradeceu especialmente ao Gran Comendador e alcalde de Lalín esta distinción, así como a acollida recibida nunha xornada de especial significado.
Na súa intervención, puxo en valor o cocido como un dos grandes símbolos da gastronomía galega e de identidade de Lalín, destacando tamén o valor social deste prato tradicional, ao que definiu como unha “sinfonía de sabores”, lembrando a Álvaro Cunqueiro. A conselleira subliñou que compartir o cocido é tamén conversar, intercambiar opinións, compartir.
Allegue fixo fincapé en como ese espírito de cooperación debe trasladarse tamén á acción institucional e salientou a boa colaboración entre o departamento que dirixe e o Concello de Lalín, con proxectos conxuntos como o edificio polivalente de Carragoso ou a cesión de solo municipal para a construción de vivendas públicas.
A conselleira agradeceu a man tendida do goberno local e reafirmou o compromiso do Executivo galego para seguir avanzando en materia de vivenda e infraestruturas, e traballando para que a capital do Deza continúe crecendo.