A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse con representantes da empresa xestora de recursos

A Xunta e Veolia avalían novas vías de colaboración para o desenvolvemento de accións no marco da Alianza galega polo clima

Ángeles Vázquez lembra que a empresa participa de xeito activo no Foro Técnico sobre casos de éxito das empresas ante os novos retos climáticos, expoñendo a súa experiencia en I+D+i, uso de novas tecnoloxías e sostibilidade na xestión hídrica.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2026

A Xunta e Veolia avaliarán novas vías de colaboración para o desenvolvemento de accións no marco da Alianza galega polo clima, segundo acordaron a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e representantes da empresa xestora de recursos nunha reunión que mantiveron recentemente.

No encontro, ao que asistiron a directora de concesións de Veolia, Marta Colet; o director executivo de Veolia Auga Galicia, Nicolás Esmorís, e o director de Auga Veolia Norte-Centro, Javier Díaz; a conselleira puxo en valor o traballo desenvolvido pola empresa no Programa de mentoring posto en marcha ao abeiro da Alianza galega polo clima, no que grandes compañías con experiencia exercen de guías para outras máis pequenas para avanzar cara á descarbonización e á redución de gases contaminantes.

De feito, segundo lembrou Ángeles Vázquez, esta foi unha das entidades que participaron de xeito activo no II Foro Técnico Alianza Galega polo Clima: Casos de éxito das empresas ante os novos retos climáticos, expoñendo a súa experiencia en I+D+i, uso de novas tecnoloxías e sostibilidade na xestión hídrica.

Cómpre subliñar que o papel da Alianza Galega polo Clima é o de actuar como nexo de unión entre a Administración o el tecido produtivo e social para unificar esforzos, compartir coñecementos e experiencias e realizar un seguimento das accións de loita contra o cambio climático que se están a desenvolver en distintos ámbitos.

Os obxectivos principais desta iniciativa promovida pola Xunta son loitar contra o quecemento global, facer máis resiliente a comunidade e establecer pautas de actuación para alcanzar a neutralidade climática.

A maiores, durante o encontro, a conselleira e os representantes de Veolia abordaron tamén a potenciación da concienciación social e a divulgación en materia de auga así como a formación de profesionais a través da Escola da Auga para poder atender as necesidades cada vez maiores do sector.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/02/2026