A Xunta impulsa a mellora da accesibilidade do centro de servizos sociais municipais de Salceda de Caselas cunha achega de case 34.000€

A directora xeral de Administración Local e a delegada territorial da Xunta en Vigo comprobaron as obras financiadas a través da Orde de infraestruturas de uso público, dotada con 3,5 millóns de euros

As actuacións centráronse na instalación dun ascensor e dun baño accesible na planta baixa do edificio

A iniciativa enmárcase no apoio do Goberno galego aos concellos, especialmente aos de menor poboación para facilitarlle á veciñanza dotacións e servizos de calidade  

Salceda de Caselas, 9 de febreiro de 2026

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou hoxe Salceda de Caselas para comprobar a mellora da accesibilidade no centro de servizos sociais municipais. As actuacións, centradas na instalación dun ascensor e dun baño accesible na planta baixa do edificio, contaron cunha achega da Xunta de case 34.000 euros no marco da Orde de infraestruturas de uso público de 2025, dotada con 3,5 millóns de euros.

Segundo sinalou a directora xeral, o obxectivo é garantirlles tanto ás persoas usuarias como ao persoal un espazo funcional e accesible para a prestación de servizos municipais fundamentais, como son os servizos de axuda no fogar, de atención temperá, de logopedia, de psicoloxía ou de asesoramento a vítimas de violencia de xénero, entre outros.

Natalia Prieto destacou que precisamente na convocatoria da Orde de infraestruturas de uso público de 2025 se lle deu prioridade ás iniciativas relacionadas coa mellora da accesibilidade nos edificios municipais. Así, unha de cada tres subvencións concedidas foron para traballos deste tipo, cun total de 33 entidades locais beneficiarias por importe de máis de 1 millón de euros. O total de axudas ascendeu a 103 en toda Galicia, 18 delas na provincia de Pontevedra.

Lembrou tamén que estas achegas van dirixidas aos concellos de menos de 30.000 habitantes, que poden solicitalas de xeito individual ou mediante asociacións ou agrupacións. A colaboración do Goberno galego financia ata o 80% do orzamento das obras, co límite de 40.000 para as individuais e 50.000 euros para as conxuntas.

Apoio aos concellos

A directora xeral explicou que con esta medida se busca atender as necesidades das localidades de menor poboación, para garantir a mellor calidade na prestación de servizos municipais a toda a poboación galega, con independencia do lugar de residencia.

Ademais, apuntou que, no marco do compromiso co eido local, a Xunta apoia tamén proxectos municipais a través do Fondo de Compensación Ambiental, que conta con máis de 11,4 millóns de euros de orzamento, do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, ca liña de apoio a proxectos estratéxicos do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, cuxo orzamento medra este ano a 10 millóns de euros, entre outras medidas.

A través do conxunto de liñas de apoio aos concellos, Salceda de Caselas recibiu nos últimos anos máis de 231.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/02/2026