Medio Rural e o Concello de Mos impulsarán a promoción do viño rosado galego na Festa da Rosa

A conselleira María José Gómez reuniuse este mediodía en San Caetano coa alcaldesa, Nidia Arévalo, para reforzar esta colaboración a prol da difusión e exaltación do produto

Ademais, avanzouse na cooperación para a mellora das infraestruturas do municipio, en particular no que atinxe á adecuación e arranxo de vías dentro do Plan Camiña Rural

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, mantivo este mediodía unha reunión coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, centrada no impulso á colaboración conxunta en materia de promoción do viño rosado galego no marco da Festa da Rosa, unha celebración de referencia nesta localidade, que ten lugar cada 13 de xuño e que neste 2026 acadará a súa edición número 53.

Así, neste contexto, este ano prevese celebrar tamén a Feira dos Viños Rosados de Galicia, que se consolidará como un claro apoio á difusión e exaltación deste produto e como mostra das novas posibilidades que ofrece o sector vitivinícola cos rosados, máis frescos e lixeiros, e que se adaptan ás tendencias actuais do mercado.

Nesta liña, a conselleira subliñou que a feira será unha oportunidade para as adegas que elaboran este tipo de produto, dentro da aposta da Xunta por todas aquelas iniciativas que xeren sinerxías entre diferentes sectores para impulsar a produción agroalimentaria galega de calidade.

Na xuntanza tamén se avanzou en materia de infraestruturas agrarias e desenvolvemento rural. Así, avaliouse a cooperación para a mellora dos camiños no marco do Plan Camiña Rural da Consellería. Ao abeiro deste programa, para o período 2026-2027 Mos ten adxudicada unha axuda mínima de case 51.400 euros, que se pode incrementar en función de criterios obxectivos marcados na convocatoria, tales como localización, despoboamento, superficie ou coeficiente de agrariedade.

A maiores, dende o ano 2020 este concello recibiu, en conxunto, unha achega de preto de 283.000 euros dentro dos diferentes plans impulsados polo Goberno galego para a mellora e o acondicionamento de camiños rurais. Estes fondos permitiron o arranxo dun total de seis vías municipais, situadas en diversos puntos das parroquias de Louredo e Mos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/02/2026