A Xunta participa no proxecto europeo Reheal destinado a optimizar a reciclaxe, o reacondicionamento e a recuperación de subministros médicos para reducir os dispositivos desbotables

O Consello da Xunta abordou hoxe un informe sobre este proxecto, que conta cun orzamento de máis de 7,3 M€ financiados pola Unión Europea

Esta iniciativa terá unha repercusión directa e indirecta moi significativa sobre a cidadanía, ao mellorar tanto a sostibilidade do sistema sanitario como a calidade e seguridade dos servizos

A validación das solucións en contornas reais favorecerá que as innovacións desenvolvidas respondan a necesidades dos profesionais sanitarios e dos pacientes

Contribuirase a unha xestión máis eficiente dos recursos e os aforros acadados poderán ser investidos en melloras asistenciais, innovación clínica ou servizos para a cidadanía

Farase unha licitación conxunta a nivel europeo na modalidade de compra pública precomercial por valor de 3,5 millóns de euros, que no caso do Servizo Galego de Saúde se centraliza na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos co obxectivo de estender a todo o sistema sanitario público as solucións que se atopen

Galicia realizará, o 18 deste mes, a consulta preliminar ao mercado, que ten por obxectivo Informar e involucrar ao sector industrial, aos provedores de solucións innovadoras e demais partes interesadas

A Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde e da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), están a participar como socios na iniciativa europea denominada Reheal, que busca optimizar a reciclaxe, reacondicionamento e recuperación de subministros médicos, reducindo o uso de dispositivos desbotables.

O Consello da Xunta abordou na súa reunión semanal un informe da Consellería de Sanidade sobre este proxecto, que ten catro anos de duración e busca transformar os sistemas sanitarios mediante a implementación dunha economía circular.

O proxecto Reheal (Reverse Healtcare Supply Chains for Circular Economy) enmárcase no Programa Horizon Europe PCP, cun orzamento de máis de 7,3 millóns de euros financiados pola Unión Europea na súa totalidade.

Cómpre remarcar que o Servizo Galego de Saúde é referente en compra pública innovadora a nivel europeo, o que sitúa Galicia como axente clave para colaborar en proxectos europeos de innovación sanitaria, facilitando unha implantación de solucións pioneiras centradas nas necesidades de profesionais e pacientes.

Reheal está liderado pola Universidade de Edimburgo (Reino Unido), como coordinador, e conta coa participación como socios de diversas entidades europeas de Dinamarca, Polonia, Grecia e Bélxica, pertencentes a distintos ámbitos.

Repercusión significativa sobre a cidadanía

Esta iniciativa europea terá unha repercusión directa e indirecta moi significativa sobre a cidadanía, ao mellorar tanto a sostibilidade do sistema sanitario como a calidade e seguridade dos servizos que este presta.

A implantación de solucións dixitais destinadas á adquisición sostible, á rehabilitación, á reciclaxe e á recuperación de recursos, permitirá reducir o impacto ambiental da actividade sanitaria. Isto traducirase nunha menor xeración de residuos, unha redución das emisións asociadas ás cadeas de subministración e un uso máis eficiente dos recursos públicos, contribuíndo a unha contorna máis saudable para a cidadanía e a avanzar nos obxectivos climáticos europeos.

Ademais, o reforzo de cadeas de subministración máis resilientes e circulares mellorará a seguridade do abastecemento de produtos sanitarios esenciais. Isto implica unha maior capacidade do sistema para responder a crises, escasezas ou situacións de emerxencia, garantindo a continuidade asistencial e protexendo directamente aos pacientes.

O proxecto busca que, a través dunha plataforma informática, se poidan detectar ineficiencias no sistema para poder optimizar e realizar unha mellor xestión, o que permitiría a xeración de menores residuos e contribuirá a unha xestión máis eficiente dos recursos económicos do sistema sanitario. Estes aforros poderán ser reinvestidos en melloras asistenciais, innovación clínica ou servizos dirixidos á cidadanía.

Como exemplo de posibles aspectos que se poderían mellorar está a optimización dos kits de quirófano, que conteñen nunha caixa dun só uso distintos tipos de materiais que se prevé van ser necesarios (luvas, batas, etc.). O material que queda sen utilizar, polos requisitos hixiénicos da área cirúrxica, teñen que desbotarse. Polo tanto, un posible reto é determinar o que debería levar cada kit segundo a operación, para reducir ao máximo posible aquel material que non vai ser utilizado e así reducir residuos e custo económico.

Por último, o enfoque colaborativo e a validación das solucións en contornas reais,  favorecerá que as innovacións desenvolvidas respondan a necesidades dos profesionais sanitarios e dos pacientes, aumentando a aceptación social das solucións e mellorando a experiencia dos usuarios do sistema sanitario.

Consultas ao mercado en Galicia

No marco de Reheal está prevista unha licitación conxunta a nivel europeo na modalidade de compra pública precomercial, por valor de 3,5 millóns de euros, para a adquisición de solucións innovadoras no eido da compra sostible, reciclaxe e a recuperación de recursos para reducir o impacto ambiental da actividade sanitaria.

A execución desta licitación estase centralizando, por parte do Servizo Galego de Saúde,  na Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, co obxectivo de poder estender a todo o sistema sanitario público as solucións que se atopen.

Ao respecto, Galicia realizará, o 18 deste mes, a consulta preliminar ao mercado, que ten por obxectivo informar e involucrar ao sector industrial, aos provedores de solucións innovadoras e demais partes interesadas os detalles da futura licitación precomercial de Reheal.

O procedemento de consultas recompilará información do mercado sobre a viabilidade, as capacidades, os riscos e a madurez tecnolóxica das propostas de solucións, paso previo á futura licitación.

Previamente a este acto o mércores día 11, terá lugar un seminario web organizado polos socios coordinadores explicando as bases da compra preliminar ao mercado e o formulario de rexistro.

Data de actualización: 09/02/2026