A titular deste departamento reuniuse hoxe con responsables de Asaga, UUAA e o Sindicato Labrego Galego para abordar esta cuestión

Medio Rural e as organizacións profesionais agrarias alcanzan un acordo de consenso sobre a nova PAC con peticións para o Ministerio de Agricultura e a UE

Este documento conxunto aprobarase no próximo pleno do Consello Agrario de Galicia, que se celebrará o vindeiro día 20, e nel contémplanse as principais reivindicacións que viña facendo a Xunta de Galicia: máis recursos e garantía de fondos diferenciados

Ante a posibilidade de que entre en vigor o acordo UE-Mercosur, na xuntanza abordouse a posibilidade de elaborar unha declaración de respaldo a unha aplicación práctica reforzada do tratado, con garantías específicas a desenvolver polas diferentes administracións a maiores das salvagardas que xa contempla acordo

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2026

A Consellería do Medio Rural e as organizacións profesionais agrarias alcanzaron xa un acordo de consenso sobre a nova proposta da Política Agraria Común (PAC) posterior a 2028, un documento que se traballou no marco da comisión de traballo específica reunida o pasado 26 de xaneiro e que agora se someterá a aprobación final no próximo pleno do Consello Agrario Galego, que se celebrará o vindeiro día 20. Este foi o principal asunto tratado na reunión desta tarde entre a titular do departamento, María José Gómez, e os responsables das organizacións profesionais agrarias Asaga, UUAA e o Sindicato Labrego Galego.

Na reunión, na que tamén estiveron presentes os directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, avanzouse nesta fronte común desde Galicia en defensa dos intereses dos gandeiros e agricultores galegos. O documento, unha vez aprobado polo Consello Agrario, remitirase ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e ás instancias comunitarias, por contemplar peticións para ambas institucións. 

Cómpre lembrar que no acordo se contemplan as principais reivindicacións que viña facendo a Xunta de Galicia desde que se coñeceu a proposta da Comisión Europea para a futura PAC. Neste sentido, desde o Goberno galego sempre se defendeu unha Política Agraria Común forte, con recursos suficientes e con fondos diferenciados na que se blinde a actual arquitectura, na que non só se inclúen as axudas directas, senón tamén os fondos para o desenvolvemento rural. 

O documento de consenso inclúe o rexeitamento explícito a ese recorte orzamentario para Galicia de polo menos un 22 % -o que se traduce en arredor de 80 millóns de euros anuais- e ao novo modelo, por estar máis centralizado nos estados membros e rexións, deixando en mans dos seus gobernos a cantidade de fondos e a porcentaxe de cofinanciamento destinados ás axudas da PAC. Así mesmo, e entre outras cuestións, tamén se lle esixe ao Goberno central de que as melloras propostas pola Comisión Europea (o Obxectivo rural e o anticipo da revisión intermedia), sexan implantadas en España polo importe máximo que estas supoñen.

Declaración sobre a aplicación práctica do acordo UE-Mercosur

Asemade, e tendo en conta a posible entrada en vigor do acordo UE-Mercosur, na xuntanza abordouse a posibilidade de elaborar unha declaración conxunta de respaldo a unha aplicación práctica reforzada do tratado, incluíndo unha serie de garantías máis específicas a poñer en marcha pola UE, o Ministerio e o propio Goberno galego, a maiores das cláusulas de salvagarda que xa contempla o propio acordo. Asaga e Unións Agrarias xa manifestaron, durante a reunión, a súa vontade de elaborar esta proposta de mecanismos prácticos de aplicación das cláusulas de salvagarda para posteriormente asinar este documento.

Así mesmo, a conselleira lembrou que por parte do Goberno autonómico xa se lanzou un paquete de medidas a curto e medio prazo para defender aos agricultores e gandeiros diante deste novo escenario de comercio internacional. Entre as iniciativas máis destacadas contémplase unha petición de reforzo de controis de fronteira ao Goberno central, un incremento de indicativos de calidade galegos protexidos no acordo; o desenvolvemento dun plan de control específico en Galicia sobre os produtos importados; a posta en marcha do Observatorio de prezos e o reforzo da estratexia de promoción dos produtos galegos; así como un impulso das exportacións, entre outras medidas. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/02/2026