A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático acompañou ao alumnado do CEIP Plurilingüe Isidora Riestra de Poio nun obradoiro sobre esta cuestión

A Xunta conciencia este curso a máis de 3.000 escolares de primaria sobre a importancia dos ríos e as consecuencias de posibles desbordamentos

Ángeles Vázquez salienta que o taller busca sensibilizar á cativada sobre a influencia que teñen as accións do ser humano nas contornas fluviais e o funcionamento das canles de auga así como o impacto das inundacións en certos núcleos de poboación

A campaña chegou desde a súa primeira edición, no curso 2023-2024, a 74 dos 108 concellos localizados nalgunha das 170 áreas con risco potencial significativo de inundación de Galicia e a máis de 10.000 alumnas e alumnos

Esta acción desenvólvese ao abeiro dun plan que inclúe medidas como a instalación de paneis informativos para mellorar a preparación do conxunto da cidadanía ante os asolagamentos, elevar a percepción do risco e fixar estratexias de autoprotección

Poio (Pontevedra), 10 de febreiro de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, acompañou hoxe ao alumnado do CEIP Plurilingüe Isidora Riestra de Poio nun obradoiro da Campaña de concienciación en áreas con risco potencial significativo de inundación sobre a importancia que teñen os ríos nos ecosistemas e as consecuencias de posibles desbordamentos. 

Nel explicou que a Xunta prevé chegar este curso a máis de 3.000 escolares de entre 6 e 12 anos (de 1º a 6º) de Primaria para sensibilizalos sobre a influencia que teñen as accións do ser humano nas contornas fluviais e no funcionamento das canles de auga. Na xornada de hoxe participaron 76 rapazas e rapaces repartidos en catro talleres correspondentes aos cursos de 1º, 2º, 3º e 4º de Primaria.

A responsable autonómica salientou que estes talleres, impulsados por Augas de Galicia e enmarcados no Plan de xestión do risco de inundación (PXRI) 2021-2027, buscan achegar o ciclo da auga aos centros de Educación Primaria e concienciar sobre o impacto dos asolagamentos en certos núcleos de poboación. 

De feito, esta iniciativa desenvólvese en colexios localizados nalgunha das 170 Áreas con risco potencial significativo de inundación (Arpsi) fluviais da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, que afectan a 108 concellos. Polo momento, desde a primeira edición desta campaña -desenvolvida durante o curso 2023-2024- o Executivo galego chegou a un total de 74 municipios e a máis de 10.000 escolares.

Nos talleres, dunha hora de duración, o alumnado recibe de xeito ameno e didáctico información a cargo de técnicos especializados sobre o que é Augas de Galicia así como de diferentes conceptos relacionados co ciclo da auga, a dinámica dos ríos ou fenómenos relacionados cos mesmos e os seus posibles efectos na contorna.

A continuación, para acompañar a actividade e reforzar a mensaxe, a campaña apóiase nun vídeo divulgativo -Aventura dunha pinga- no que a súa protagonista, a pinga Xistra, explica as inundacións como procesos naturais e necesarios para o medio ambiente, pero que se poden volver perigosos para as persoas cando estas invaden espazos fluviais. A acción tamén inclúe experimentos científicos na propia aula e un concurso de preguntas e respostas para verificar os coñecementos adquiridos, xusto antes do peche do taller e do reparto de agasallos para a cativada. 

A conselleira, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, salientou que no que vai deste curso académico (2025-2026) xa se realizaron 62 obradoiros e está previsto celebrar outros 90, superando así os 150. 

Outras accións

Esta campaña de sensibilización enmárcase no PXRI 2021-2027 e, dentro deste, nas accións previstas no Plan estratéxico de divulgación das áreas de risco potencial significativo de inundación (Pedarpsi), que teñen como fin último mellorar a conciencia pública na preparación para as inundacións, incrementar a percepción do risco de asolagamentos e fixar estratexias de autoprotección. 

De feito, esta estratexia divulgativa dirixe as súas actuacións á poboación residente na contorna das Arpsi ou nos núcleos de poboación máis próximos, así como ao público infantil para dar a coñecer en que consisten as inundacións e manter viva a memoria histórica sobre os desbordamentos sufridos no pasado en cada área. 

Para acadar eses obxectivos, ademais de realizar obradoiros nos colexios, instálanse paneis divulgativos para concienciar sobre a dinámica natural dos ríos e reforzar a seguridade da cidadanía, as medidas de protección e as pautas de actuación recomendadas en caso de producirse algún episodio de inundación. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/02/2026