A Xunta informa en As Pontes do “paquete histórico” de axudas activado este ano para apoiar ao tecido produtivo galego

A directora do Igape, Covadonga Toca, participa na inauguración da xornada “Axudas e instrumentos de apoio para as empresas”, organizada pola Asociación de Empresarios SEARA

Lembra que Goberno galego ten activas neste 2026 liñas de apoio por máis de 280 M€ para reforzar a competitividade, a innovación, a internacionalización e o financiamento empresarial

Destaca a nova convocatoria do Fondo de Transición Xusta, dotada con máis de 100 M€, para impulsar a reindustrialización nas zonas afectadas polo peche das térmicas

As Pontes (A Coruña), 10 de febreiro de 2026

A directora do Instituto Galego de Promoción Económica, Covadonga Toca, participou esta mañá na inauguración da xornada informativa “Axudas e instrumentos de apoio para as empresas”, celebrada nas instalacións da Asociación de Empresarios SEARA, no Polígono Industrial de Penapurreira, en As Pontes, xunto co alcalde de As Pontes e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, onde presentou ás empresas da comarca o conxunto de apoios que a Xunta de Galicia ten en marcha para este ano.

Durante a súa intervención, Toca explicou que o Igape ten activadas para 2026 a maior parte das súas liñas de apoio, cun “paquete histórico” de máis de 280 millóns de euros, orientado a reforzar a competitividade do tecido empresarial galego a través da innovación, a internacionalización e o acceso a financiamento. Subliñou que se trata dunha estratexia pensada para ofrecer certeza e planificación ás empresas nun contexto económico esixente, marcado pola transformación dixital, a transición tecnolóxica e a competencia global.

No eido da innovación, a directora do Igape destacou a posta en marcha de novos instrumentos específicos para impulsar a transformación tecnolóxica da industria, así como a continuidade de programas consolidados de apoio á aplicación da intelixencia artificial, á mellora de procesos e á incorporación da innovación nas pemes. En paralelo, lembrou que a internacionalización segue a ser un piar clave da acción do organismo, con liñas que apoian a saída ao exterior, a promoción internacional e a participación en feiras e misións comerciais.

Toca Carús puxo tamén o foco no papel do financiamento público como ferramenta para acompañar o crecemento empresarial, a través de préstamos, liñas de crédito e instrumentos financeiros adaptados ás distintas fases do ciclo de vida das empresas, desde a creación ata a expansión.

Fondo de Transición Xusta

No marco da xornada, a directora do Igape salientou de maneira específica as dúas novas liñas de axuda vinculadas ao Fondo de Transición Xusta, recentemente publicadas e que se suman a este amplo paquete de apoios. Neste sentido, indicou, destínanse máis de 100 millóns de euros a dous programas dirixidos a impulsar a reindustrialización e o emprego nas zonas afectadas polo peche das centrais térmicas de As Pontes e Meirama.

Así, por unha banda, destacou a apertura da liña de 80 millóns de euros destinada a apoiar grandes proxectos industriais de descarbonización e renovación produtiva, con capacidade tractora para transformar o tecido económico, modernizar procesos e xerar actividade sostible a medio e longo prazo e, por outra, informou da nova convocatoria de préstamos parcialmente reembolsables para pemes, dotada con 22 millóns de euros, dirixida ás empresas da provincia da Coruña.

Ambas convocatorias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa do Fondo de Transición Xusta 2021-2027, contan cun prazo de solicitude de tres meses, co obxectivo de facilitar o acceso das empresas aos apoios e ao financiamento previsto.

A directora do Igape concluíu sinalando que estas xornadas informativas permiten achegar as políticas públicas ás empresas, resolver dúbidas e orientar os proxectos empresariais cara aos instrumentos máis axeitados, “especialmente en comarcas como As Pontes, chamadas a xogar un papel protagonista na nova etapa industrial de Galicia”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/02/2026