O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica a convocatoria desta liña de subvencións dirixida a favorecer a conciliación e un reparto equilibrado das responsabilidades familiares
A Xunta abre mañá o prazo para que os concellos, entidades sociais e ANPAS se acollan as axudas do Plan Corresponsables 2026
A convocatoria está dotada de 7,4 millóns de euros destinados a financiar coidados a domicilio e en dependencias públicas, servizos de madrugadores, obradoiros ou campamentos, entre outras actividades
Máis de 31.000 menores e de 23.000 familias beneficiáronse das iniciativas desenvolvidas coa liña de achegas do exercicio pasado
Santiago de Compostela, 11 de febreiro do 2026
A Xunta abre a partir de mañá e durante un mes o prazo para que os concellos, entidades sociais sen ánimo de lucro e Asociacións de Nais e Pais (ANPAS) soliciten axudas para o desenvolvemento de programas e actividades que favorezan a conciliación e a corresponsabilidade familiar. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria desta liña de subvencións dotada dun orzamento de 7,4 millóns de euros e que se enmarca no Plan Corresponsables 2026.
Este crédito, financiado nun 75% con fondos finalistas do Estado, distribúese en tres programas: 6,5 millóns de euros para as iniciativas que desenvolvan os concellos, 600.000 euros para as que impulsen as ANPAS e 300.000 euros para as que realicen as entidades sociais. As contías máximas por axuda varían en función do programa e de se a solicitude é individual ou compartida. Así, no caso dos concellos, estas poden chegar ata os 120.000 euros se son propostas compartidas por dous ou máis entidades locais.
A través do Plan Corresponsables, a Xunta financia coidados profesionais a domicilio e en dependencias públicas, como colexios, bibliotecas ou centros socioculturais. Tamén apoia actividades de campamentos, servizos de madrugadores, obradoiros lúdicos formativos ou xornadas de carácter divulgativo e cultural, entre outras.
Na convocatoria do ano pasado concedéronse axudas para o desenvolvemento de diferentes programas a un total de 234 concellos, 73 ANPAS e 13 entidades sociais. Así mesmo, o número de familias beneficiarias destas iniciativas superaron as 23.200 e os menores atendidos foron máis de 31.000.
Recorte de fondos do Ministerio de Igualdade
Desde o exercicio pasado, o Plan Corresponsables conta con menos financiamento por parte do Goberno central, que fixo un recorte de preto de 50 millóns de euros e que supuxo para Galicia recibir 2,3 millóns de euros menos. Ademais, para paliar este recorte e a metade de ano, obrigou ás Comunidades Autónomas a financiar con fondos propios o 25% do Plan.
Galicia e as demais Comunidades agardan aínda a que o Executivo central explique como será o reparto de fondos do Plan Corresponsables para este ano 2026, pese a que a propia ministra de Igualdade, Ana Redondo, se comprometera a telo pechado o pasado mes de outubro para que os gobernos rexionais o tiveran en conta de cara aos seus orzamentos.