A Xunta asina con CCOO, ANPE, UGT E CSIF a supresión da obriga dos interinos e substitutos de presentarse ás oposicións e mudar o sistema de chamamentos
Formaliza cos sindicatos unha addenda ao acordo que regula as condicións de traballo destes profesionais
O obxectivo é axilizar os procesos, reducindo a burocracia, á vez que se facilita a conciliación e se preservan os dereitos dos docentes
O sistema de avisos telefónicos para a cobertura de baixas cambiarase por un procedemento xestionado mediante unha aplicación informática
Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2026
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, vén de asinar cos representantes das organizacións sindicais CC.OO., ANPE, UGT-SP Ensino e CSIF unha nova addenda ao acordo do 20 de xuño de 1995 polo que se regulan as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.
Nesta addenda inclúense dúas novidades principais. Por unha banda, elimínase a obriga de que o persoal interino e substituto teña que presentarse ás oposicións para manterse a súa posición consolidada nas listaxes; por outra, múdase o sistema de chamamentos telefónicos para cubrir substitucións.
No que atinxe ao primeiro dos cambios, a decisión parte da análise compartida pola Xunta e as organizacións sindicais participantes na comisión de seguimento do acordo, ao considerar que eliminar esta obriga permitirá axilizar o proceso e mellorar o funcionamento dos tribunais de oposición, reducindo a carga burocrática e organizativa. Así mesmo, mellórase a conciliación familiar e persoal das persoas integrantes das listas de interinidade e substitucións, preservando os seus dereitos e a estabilidade do sistema. En calquera caso, as persoas que desexen participar no proceso selectivo poderán facelo e optar a acadar unha praza.
Cobertura de substitucións
No caso da listaxe de chamamentos para a cobertura de substitucións, ata o momento realízanse por vía telefónica, o que implica que as persoas interinas e substitutas deben estar pendentes de atender chamadas en horarios variables. Para mellorar esta situación, e tal e como está recollido no Plan para a simplificación das tarefas burocrática (enmarcado, á súa vez, no acordo de mellora do sistema educativo, subscrito por estas mesmas organizacións sindicais), substituirase este modelo por un procedemento xestionado mediante unha aplicación informática.
O novo sistema facilita rexistrar dun xeito automático e verificable cada oferta, resposta e adxudicación, é dicir, todas as fases do proceso, garantindo así a transparencia do proceso e evitando posibles incidencias derivadas de interpretacións subxectivas ou erros humanos. Así mesmo, permitirá axilizar a cobertura das baixas, dando unha reposta máis rápida ás necesidades dos centros de ensino.
Os chamamentos efectuaranse mediante convocatoria na aplicación, segundo os datos de contacto das persoas interesadas que consten na Consellería. As persoas convocadas disporán dun prazo de 24 horas para seleccionar a orde das vacantes ofertadas. A previsión é que o novo sistema comece a funcionar de xeito experimental ao longo deste curso 2025/26 co obxectivo de que ao inicio do vindeiro curso académico xa estea a pleno rendemento.