Rueda visita a feira Innovart, cun cento de actividades para pór en valor o impulso ás ensinanzas artísticas, deportivas e de idiomas na comunidade

O encontro, que celebra a súa cuarta edición na Cidade da Cultura, conta coa participación de 26 centros educativos

A Xunta ten en marcha o plan EDUC-ART, dotado con 10,4 millóns de euros e co que se busca ampliar a oferta académica, reforzar as relacións co tecido produtivo e fomentar a internacionalización dos estudos artísticos

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe na Cidade da Cultura a feira InnovArt, que ten por obxectivo pór en valor e achegar á sociedade o traballo que se realiza cada día nos centros galegos de ensinanzas artísticas, deportivas e de idiomas, nas que hai matriculados 35.000 alumnos.

O encontro, cun cento de actividades programadas, celebra a súa cuarta edición con récord de visitantes -está prevista a asistencia de máis 6.000 persoas- e a participación de 26 centros educativos e 220 docentes de toda a comunidade.

Tal e como se puxo de relevo durante a visita, Galicia conta cun sistema de ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas sólido, diverso e de calidade. Na comunidade é posible formarse profesionalmente en música, danza, arte dramática, artes plásticas, deseño, conservación e restauración de bens culturais ou diferentes disciplinas deportivas como fútbol, balonmán ou vela.

O pasado mes de outubro a Xunta aprobou o novo Plan EDUC-ART, dotado con 10,4 millóns de euros ata 2030, e que busca modernizar, internacionalizar e promover os estudos artísticos, que na actualidade cursan en Galicia 6.200 estudantes, o dobre que hai 20 anos. Isto sitúa a Galicia coma a segunda autonomía -só por detrás da Comunidade Valenciana- con maior porcentaxe de matriculados por número de habitantes. O Plan conta con 37 medidas organizadas arredor de oito liñas de actuación: actualización da normativa, impulso da dixitalización, renovación da oferta formativa, innovación, internacionalización, promoción, recoñecemento da excelencia e mellorar a relación co tecido produtivo.

O Plan EDUC-ART compleméntase con outras medidas coma a matrícula gratuíta para o alumnado do grao en ensinanzas artísticas superiores -ao igual que ocorre cos universitarios que estudan un grao-, a ampliación da oferta académica ou a futura Lei de aprendizaxe permanente de persoas adultas que busca consolidar a formación continua nos maiores de 18 anos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/02/2026