A Xunta destaca na Coruña o papel clave dos centros comerciais abertos e reforza o seu apoio cunha nova orde de axudas de 2,5 M€ que se publica mañá

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén visitou varios establecementos asociados ao Centro Comercial Aberto Zona Obelisco e deu conta da nova convocatoria para impulsar a capacidade dinamizadora destas entidades

A Coruña, 11 de febreiro de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta mañá na Coruña os establecementos Ardentia, Vazva e Alvárez Delicatessen, todos eles asociados ao Centro Comercial Aberto Zona Obelisco.

No marco da xornada, reuniuse tamén coa nova directiva da entidade, á que lle expresou o respaldo do Goberno autonómico ás iniciativas e proxectos destinados a fomentar a dinamización comercial da zona. Así mesmo, puxo en valor o papel fundamental dos centros comerciais abertos na revitalización económica e social das vilas e cidades.

Na reunión abordáronse, entre outros asuntos, as axudas recollidas na nova orde destinada a reforzar as actividades dos centros comerciais abertos da Comunidade, que se publica mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros. Estas achegas teñen como obxectivo fortalecer a excelencia e a capacidade de dinamización das contornas comerciais nas que se integran estas entidades. A orde, segundo explicou Alén, avanza na simplificación administrativa, reducindo a documentación requirida, e incorpora novidades nos criterios de valoración, poñendo o foco en aspectos como a formación dos comerciantes, a fidelización da clientela e a capacidade para atraer novos asociados. Ademais, por primeira vez, inclúense como actuacións subvencionables os servizos de ludotecas e espazos de lecer infantil.

A convocatoria prevé tamén achegas extraordinarias para os centros comerciais abertos coas propostas de dinamización mellor puntuadas, co obxectivo de apoiar campañas adicionais con ata 20.000 euros que promovan o comercio local e permitan chegar a novos públicos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/02/2026