A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, respondeu hoxe dúas preguntas orais no Pleno do Parlamento
Lorenzana anuncia que os informes técnicos confirman que a choiva foi a principal causa do derrubamento na mina de Monte Neme
Defende que a Xunta actuou coa máxima dilixencia, despregando medios de forma inmediata para restablecer a circulación entre os núcleos de Aviño e Razo, e adoptando as actuacións urxentes que os informes técnicos indicaron
Indica que se deu orde inmediata de pechar e selar a entrada á bocamina da galería mineira e de instalar un tubo de drenaxe na parte inferior do peche que permita a evacuación controlada da auga
Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, confirmou hoxe que os informes técnicos que foron pedidos tanto á dirección de obra como á empresa adxudicataria dos traballos de restauración da mina de Monte Neme conclúen que o derrubamento ocorrido o pasado 31 de xaneiro tivo a súa orixe nas intensas precipitacións dos últimos meses.
En resposta a dúas preguntas orais no Pleno do Parlamento, Lorenzana explicou que estes informes sinalan que o suceso tivo a súa orixe na acción combinada da auga de choiva acumulada durante un período prolongado no fondo de corta do oco mineiro e dun episodio de intensas precipitacións, que incrementou de forma significativa o nivel da auga embalsada. De feito, no período de novembro a xaneiro rexistrouse un récord histórico de choiva na zona, un 59,4 por cento por riba da media histórica de anos anteriores, segundo datos de Meteogalicia.
Así, de acordo con ambos os dous informes, aínda que nos días previos se fixeran probas de bombeo de auga ao oco sur, foron de reducida envergadura, e o seu volume non é dunha entidade suficiente con respecto ao recollido polo episodio de pluviosidade.
Lorenzana tamén indicou que, neste momento, a Xunta tamén está facendo unha análise dos solos que puidesen conter cantidades de elementos por riba dos valores normais, e que, de ser necesario, se trasladarán ao xestor que corresponda, co fin de que a restauración de Monte Neme se produza de forma integral, non só no espazo mineiro, senón tamén no que se poida ter visto afectado polo acaecido o día 31 de xaneiro.
Ese día, engadiu, a Xunta actuou coa máxima dilixencia, despregando medios de forma inmediata para restablecer a circulación entre os núcleos de Aviño e Razo, e adoptando as actuacións urxentes que os informes técnicos indicaron. Entre elas, de acordo ao informe emitido pola dirección de obra o pasado luns, pechar e selar a entrada á bocamina da galería mineira. E dispoñer dun tubo de drenaxe na parte inferior do peche que permita a evacuación controlada da auga, evitando acumulacións e posibles sobrepresións. De forma inmediata, dixo, a Consellería de Economía e Industria deu orde de que se comezasen a executar.
O contrato das obras de restauración de Monte Neme, tras a licitación por un importe de máis de 1,6 M€ (duplicando o orzamento previsto inicialmente) asinouse o pasado 13 outubro de 2025. As obras comezaron o 12 de decembro de 2025 e, tal e como lembrou a conselleira, atopábanse nunha fase inicial cando se produciu o incidente.