O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado polo o delegado da Xunta en Pontevedra, visita o centro co alcalde tras o lume
A Xunta contratará de urxencia servizos de limpeza e o comedor para o colexio de Tenorio e a unidade técnica analiza xa a incidencia do incendio no edificio
A previsión inicial é que o alumnado poida volver ás aulas tras as vacacións de Entroido
As causas do incendio están a ser avaliadas pola Garda Civil e a Policía Xudicial
Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 12 de febreiro de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou hoxe o Colexio Plurilingüe de Tenorio co alcalde, Jorge Cubela, tras o incendio que afectou onte ao comedor deste centro. Tal e como explicou, a Xunta está xa a poñer en marcha diferentes medidas para paliar as consecuencias deste suceso, co fin de que o colexio recupere a normalidade o antes posible. A previsión inicial é que o alumnado poida volver ás aulas tras as vacacións de Entroido.
Neste sentido, sinalou que a Unidade Técnica xa está a analizar a incidencia do lume no edificio, aproveitando os vindeiros días sen actividade lectiva para avanzar nesta tarefa. “Desde a perspectiva estrutural faremos o que nos indiquen os estudos técnicos para saber se é necesario facer algunha obra ou mellora”, explicou o conselleiro.
O titular do departamento educativo da Xunta sinalou que o incendio afectou fundamentalmente á zona do almacén do comedor, que é un engadido sobre a estrutura orixinal. En canto ás causas do incendio, Román Rodríguez detallou que están a ser avaliadas pola Garda Civil e a Policía Xudicial.
Aínda que o lume só afectou a ese espazo do almacén, o fume e a cinza ensuciaron todo o centro, polo que é necesario contratar de urxencia a limpeza do centro.
Continuidade do servizo de comedor
Así mesmo, e de xeito provisional, contratarase un servizo de cátering para que, nun espazo habilitado, no segundo andar, se poida cubrir este servizo mentres non está a cociña outra vez en un funcionamento. Este servizo tamén se estenderá ao Instituto de Cotobade, cuxos alumnos adoitan comer no colexio, evitando que teñan que desprazarse.
Cómpre lembrar que a Consellería de Educación acometeu en 2019 a rehabilitación do centro, cun investimento de máis de 500.000 €, que incluír actuacións como o cambio de fiestras, persianas e falsos teitos, a instalación de iluminación led, a mellora da instalación da calefacción ou a substitución de canlóns, entre outros.