O presidente Rueda, acompañado pola conselleira do Medio Rural, reuniuse hoxe cos responsables de ambas entidades para formalizar o documento e estar preparados no caso de que entre en vigor o tratado

A Xunta, Asaga e Unións Agrarias asinan unha declaración conxunta para reforzar as garantías para o sector primario na aplicación do acordo UE-Mercosur

No texto de consenso inclúense peticións moi explícitas que se trasladarán ás instancias europeas e ao Goberno central, entre elas plans específicos de control en fronteira e auditorías en orixe

Esíxese tamén que a aplicación práctica do tratado recoñeza que se poida producir un dano limitado a unha zona xeográfica en concreto e actuar en consecuencia, sen necesidade de agardar a unha problemática xeral no ámbito europeo

O acordo tamén recolle os compromisos do Executivo autonómico xa avanzados en Consello da Xunta, como a creación do Observatorio de Prezos ou o reforzo das estratexias de comercialización exterior e de promoción interna dos produtos galegos

Sobre a PAC post 2028, lembrouse que xa existe un acordo xeral con todas as organizacións profesionais agrarias para rexeitar a proposta da Comisión Europea, por supor un recorte de fondos e por non blindar os dous piares actuais

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2026

A Xunta e as organizacións profesionais agrarias Asaga e Unións Agrarias subscribiron hoxe unha declaración conxunta para demandar unha aplicación práctica reforzada do acordo UE-Mercosur e as súas cláusulas de salvagarda, en caso de que entre en vigor o tratado. Foi nunha xuntanza presidida polo titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, na que estivo acompañado da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e na que participaron o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, e o presidente da Asociación Agraria de Galicia (Asaga), Francisco Bello.

Tralo encontro, no que tamén se abordou a futura PAC post 2028, a conselleira do Medio Rural debullou os contidos desta declaración, que se enmarca na liña de traballo que vén desenvolvendo a Xunta en colaboración co sector para defender o eido primario galego diante deste novo escenario, marcado polas negociacións para definir a nova Política Agrícola Común e polo tratado co Mercosur.

Sobre isto último, o texto asinado implica a esixencia do cumprimento estrito das cláusulas de salvagarda e do seu regulamento. A maiores, inclúe unha serie de garantías que teñen por obxectivo unha actuación rápida e reforzada do acordo para protexer o sector primario. Por tanto, considérase que para avalar unha aplicación provisional do tratado é imprescindible que se blinde o cumprimento destas esixencias. 

Peticións moi explícitas

Neste sentido, María José Gómez trasladou que o acordo asinado hoxe cos sindicatos agrarios contempla unhas peticións moi explícitas para as instancias europeas e o Goberno central. Entre elas, salientou a demanda dun plan reforzado e verificable de controis en fronteira e auditorías en orixe e subliñou que resulta “imprescindible” que tanto a UE como o Ministerio de Agricultura se comprometan en serio con esta cuestión e creen plans de control de fronteira específicos.

Tamén se esixe que a aplicación práctica do acordo comercial recoñeza que se poida producir un dano limitado a unha zona xeográfica en concreto, como por exemplo Galicia, sen necesidade de agardar para intervir a unha problemática xeral no ámbito europeo. Asemade, reclámase ao Ministerio que eleve de xeito urxente calquera problemática á Comisión se ten sospeita dalgún incumprimento e que manteña aberta unha interlocución constante coas comunidades autónomas.

A maiores, a conselleira lembrou as medidas que xa está implementando o Goberno galego nesta materia, aprobadas hai uns días polo Consello da Xunta. Así, recordou que se van reforzar os controis sobre as importacións dentro das competencias autonómicas, para o cal se está en proceso de crear unha comisión interdepartamental específica. Así mesmo, reforzaranse as estratexias de comercialización exterior e de promoción interna dos produtos galegos, como xa se comprometeu para a carne de vacún de calidade certificada. Nesta mesma liña de traballo, Gómez sinalou que se porá en marcha o Observatorio de Prezos, do que onte mesmo se deron os primeiros pasos cunha visita a Mercagalicia, e que tamén se dará un impulso á autonomía alimentaria das explotacións baixo o compromiso de incrementar a súa base territorial, co fin de diminuír a dependencia de insumos exteriores que poden xerar inestabilidade nos prezos.

Consenso fronte á proposta para a futura PAC

En relación coa futura PAC, a conselleira incidiu no feito de que a Xunta leva moitos meses traballando nunha postura común desde Galicia, en colaboración con todas as organizacións profesionais agrarias. Un labor que se plasmou xa nun documento de consenso, que se someterá á aprobación do pleno do Consello Agrario o vindeiro venres, día 20, e que despois se remitirá ao Ministerio de Agricultura, remarcou. Neste acordo amósase, unha vez máis, o rexeitamento á proposta da Comisión para a PAC post 2028, xa que supón un recorte de fondos para os vindeiros anos de máis dun 22 % e porque non blinda a actual arquitectura, con dous piares diferenciados (axudas directas e desenvolvemento rural), que ten demostrado o seu éxito.

Este encontro do presidente da Xunta e da conselleira do Medio Rural con Asaga e Unións Agrarias enmárcase no labor constante a prol do sector primario galego que desenvolve o Executivo autonómico, un traballo conxunto que Gómez se comprometeu a continuar para defender “como sempre fixemos”, os intereses dos agricultores e gandeiros. Nesta mesma liña, a titular de Medio Rural quixo agradecer aos responsables de ambas organizacións profesionais agrarias “a súa man tendida e colaboración constante neste e noutros asuntos”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/02/2026