O titular de Sanidade interveu na mesa de debate de conselleiros autonómicos sobre a realidade do Sistema Nacional de Saúde, na primeira edición do Forum Interterritorial de Saúde que organiza a Organización Médica Colexial

Gómez Caamaño pide que o Ministerio de Sanidade deixe de poñer aos pacientes e ás comunidades contra as cordas e dialogue cos médicos sobre o Estatuto Marco

Destaca que resulta incomprensible pretender reformar o marco de traballo do persoal médico sen ter en conta as demandas destes profesionais

Incide en que a reforma proposta polo Ministerio de Sanidade o único que conseguiu é xerar conflito e folgas que en Galicia deixaron xa máis de 90.000 procesos asistenciais suspendidos

Lembra que, a partir do luns, hai outra semana de folga de médicos e así cada mes ata xuño, cuxas consecuencias as padecen de xeito directo os pacientes

Esixe ao Ministerio de Sanidade que asuma as súas competencias e abra unha negociación real, que devolva a estabilidade aos profesionais e a seguridade aos pacientes

Considera que a sostibilidade do sistema sanitario necesita unha reflexión de alcance no marco do Sistema Nacional de Saúde que derive nos pasos necesarios para garantir que a cidadanía siga a ter unha sanidade de vangarda

Respecto do principal problema que ten na actualidade o sistema sanitario, que é a falta de profesionais, o conselleiro sinala que o Ministerio de Sanidade, en vez de adoptar medidas efectivas, prefire mirar para outro lado

Toledo, 12 de febreiro de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, pediu hoxe que o Ministerio de Sanidade deixe de poñer aos pacientes e ás comunidades autónomas contra as cordas e dialogue cos médicos sobre o Estatuto Marco.

O titular da carteira sanitaria da Xunta, interveu na mesa de debate de conselleiros autonómicos sobre a realidade do Sistema Nacional de Saúde, no marco da primeira edición do Forum Interterritorial de Saúde, que organiza a Organización Médica Colexial en colaboración con Medicina Responsable.

Neste foro, o conselleiro incidiu en que non se pode reforzar unha norma clave do sistema sanitario sen memoria técnica, económica nin xurídica, e moito menos, mantendo á marxe aos profesionais sanitarios e sen unha maioría parlamentaria que a apoie.

Para Gómez Caamaño resulta totalmente incomprensible pretender reformar o marco de traballo do persoal sanitario, sen ter en conta as demandas dos profesionais que asumen un maior nivel de responsabilidade no diagnóstico, tratamento e coidado da saúde dos pacientes.

A reforma proposta polo Ministerio de Sanidade é, para Gómez Caamaño, unha mera declaración de intencións que, ademais, o único que conseguiu é xerar conflito e folgas que, en Galicia, deixaron máis de 90.000 procesos asistenciais anulados, entre cirurxías, probas diagnósticas e consultas hospitalarias e de atención primaria. 

O conselleiro  incidiu en que, a partir do luns, hai outra semana de folga de médicos e así cada mes ata xuño. As consecuencias padécenas os pacientes que se merecen, dixo, que o Ministerio tente por todos os medios negociar para evitar a folga.

Por responsabilidade institucional, Gómez Caamaño esixiu ao Ministerio de Sanidade que asuma as súas competencias e abra unha negociación real, que devolva a estabilidade aos profesionais e a seguridade aos pacientes.

Aposta clara da Xunta

Tamén destacou o conselleiro que a Xunta destina 5.671 millóns de euros á sanidade, facendo unha aposta clara e cada vez maior por reforzar os recursos humanos, a atención primaria, a saúde mental, a innovación diagnóstica e terapéutica e a modernización das infraestruturas.

Para Gómez Caamaño, resulta evidente que a sostibilidade do sistema sanitario necesita unha reflexión de alcance no marco do Sistema Nacional de Saúde, que derive nos pasos necesarios para garantir que a cidadanía siga a ter unha sanidade de vangarda.

Considera, o conselleiro galego, que é necesaria unha planificación a medio e longo prazo para anticiparse ao impacto económico que supoñen retos como o aumento da carteira de servizos ou unha poboación envellecida, cada vez con máis patoloxías crónicas.

O titular de Sanidade incidiu en que as comunidades autónomas deben ter máis voz, ser escoitadas e sobre todo entenderse mutuamente, e o Ministerio de Sanidade debe ter en conta as peculiaridades específicas dos distintos territorios para ofrecerlle á cidadanía un sistema sanitario eficiente e mellor adaptado á súas necesidades.

Respecto do principal problema que ten na actualidade o sistema sanitario, que é a falta de profesionais sanitarios, o conselleiro dixo que o Ministerio de Sanidade, en vez de adoptar medidas efectivas, prefire mirar para outro lado. Pola contra, a Xunta está a orientar as súas actuacións a crear condicións que permitan non só atraer talento, senón retelo e asegurar así o relevo xeracional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/02/2026