Alumnado do máster interuniversitario en incendios forestais coñece o dispositivo galego de loita contra o lume

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, recibiu hoxe aos estudantes do Máster Fuego no Centro de Coordinación Central (CCC), situado en Santiago de Compostela, para explicarlles o seu funcionamento

Ademais, os estudantes visitarán mañá o Centro Integral contra o Lume (CILL) de Toén, onde participarán nunha charla formativa sobre medios aéreos, para posteriormente desprazarse ata a base de helicópteros da Merca

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2026

Alumnado do mestrado Interuniversitario en incendios forestais Máster Fuego, no que participan as universidades de León, Lleida e a Politécnica de Valencia, atópanse de visita na nosa comunidade para coñecer o dispositivo galego de loita contra o lume. Dentro desta actividade, hoxe foron recibidos polo director xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural, Manuel Francisco, no Centro de Coordinación Central, situado en Santiago de Compostela.

No percorrido polas instalacións, explicoulles o funcionamento deste centro, que está integrado na estrutura organizativa da loita contra os lumes na nosa comunidade, composto por unha rede autonómica de tres niveis e que, polo tanto, tamén inclúe aos Centros de Coordinación Provinciais e aos Centros de Coordinación de Distrito. Ademais, o alumnado puido coñecer a aplicación informática XeoCode, un sistema de información xeográfica en tempo real con toda a información dispoñible sobre os incendios, unha ferramenta fundamental para a detección e reconstrución de lumes. Durante esta xornada tamén participaron nun exercicio de reconstrución de operacións en incendios.

A programación da estadía destes alumnos en Galicia continuará mañá, cunha visita ao Centro Integral de Loita contra o Lume (CILL) de Toén para coñecer estas instalacións e, a maiores, recibir unha formación sobre a organización e coordinación das operacións aéreas na extinción de incendios forestais. Posteriormente, desprazaranse ata a base de helicópteros da Merca.

Centro Integral de Loita contra o Lume

Cabe sinalar que o CILL de Toén se sitúa nas instalacións do antigo hospital, que se rehabilitou co fin de convertelo nun espazo formativo tanto para a formación continua de bombeiros forestais como na instrución de novos profesionais do sector.

Neste sentido, o pasado ano recibíronse no CILL delegacións de bombeiros dos Países Baixos, Estonia e do País Vasco que se interesaron por coñecer a realidade e as estratexias de extinción que utiliza o Servizo de Prevención e defensa contra os Incendios Forestais (SPIF) da Xunta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/02/2026