A Xunta organiza en Vigo unha xornada de formación para familias sobre benestar emocional na adolescencia

A sesión, da man de tres expertos na materia, terá lugar o sábado 21 de febreiro no Conservatorio Superior de Música de Vigo, con inscrición xa aberta de balde no Portal Educativo

Intervirán os especialistas Alexandre García, doutor en Psiquiatría e médico do CHUO; Fernando Suárez, presidente do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia, e Antonio Rial Boubeta, doutor en Psicoloxía Social e profesor da USC

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2026

A Xunta de Galicia organizará o sábado 21 de febreiro unha xornada de formación dirixida ás familias en materia de benestar emocional na adolescencia. Baixo o título A familia como base do crecemento persoal e emocional, a actividade abordará aspectos como o establecemento de límites para os rapaces ou o uso responsable das novas tecnoloxías. A sesión terá lugar no auditorio do Conservatorio Superior de Música de Vigo e a inscrición, aberta a calquera persoa interesada, pode facerse de balde no Portal Educativo ata esgotar as case 300 prazas de capacidade do recinto.

A xornada, que será inaugurada ás 10,00 horas, contará coa participación de tres expertos na materia como Alexandre García Caballero, doutor en Psiquiatría e especialista no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), que abrirá a formación co relatorio Axudando a crecer cando cambian os marcos ás 10,30 horas. O segundo relator será Fernando Suárez, presidente do Colexio profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, que ás 11,30 ofrecerá unha charla sobre as Claves para ensinar a nenas e nenos a usar a tecnoloxía de maneira segura. O terceiro conferenciante, que pechará o encontro ás 12,30 horas, será o doutor en Psicoloxía Social e profesor titular do departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía da USC Antonio Rial Boubeta, cunha charla baixo o título Impacto da tecnoloxía na infancia e na adolescencia: entre a banalización e o alarmismo.

Plan integral de benestar dixital

A actividade forma parte do Plan integral de benestar dixital que vén de poñer en marcha a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e que contempla un paquete de medio cento de medidas dirixidas ao conxunto dos actores da comunidade educativa, entre eles as familias, como é o caso destas charlas formativas.

O obxectivo do mesmo é proporcionar ferramentas para o uso axeitado das tecnoloxías no eido educativo e contribuír, deste xeito, á formación de cidadáns dixitais que fagan un uso consciente, responsable e comprometido destas. 

O plan, que leva aparellado un orzamento de 7,4 M€ para o seu despregue nun período de cinco anos ata 2030, abrangue seis dimensións de impacto tecnolóxico que son as conductas de risco e ciberseguridade, os hábitos de vida saudables, a garantía dos dereitos e dos valores democráticos, a convivencia escolar e familiar, a aprendizaxe e desenvolvemento cognitivo e a socialización e o desenvolvemento persoal. 

Data de actualización: 13/02/2026