A Xunta completa a remodelación do Complexo Deportivo de Elviña I cun orzamento de 3,4 M€
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes comprobou o resultado das obras, que permitiron a súa modernización, así como impulsar a seguridade e funcionalidade
Esta actuación forma parte do compromiso do Goberno galego coa práctica deportiva a través dos investimentos realizados nas instalacións de titularidade autonómica na Coruña, apostando por espazos modernos, seguros, accesibles e eficientes
A Coruña, 13 de febreiro de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do secretario xeral para o Deporte, Roberto García, visitou hoxe o Complexo Deportivo de Elviña I para comprobar o resultado das obras levadas a cabo co obxectivo de impulsar a modernización, a funcionalidade e a seguridade destas instalacións. Estas melloras súmanse ás realizadas nos campos de fútbol, supoñendo un investimento global de 3,4 millóns de euros.
Así, no pavillón actuouse na cuberta e na envolvente do edificio para mellorar a eficiencia enerxética, ademais de nas instalacións internas, como iluminación, climatización ou saneamento. Melloráronse tamén a accesibilidade e a seguridade, coa instalación dun ascensor e de sinalización, renovouse o material deportivo e creáronse novos espazos, como salas de actividades ou unha ludoteca. Segundo sinalou o conselleiro, deste xeito as persoas usuarias contan cun pavillón, ximnasio, piscina e vestiarios renovados que permiten a práctica deportiva nas mellores condicións de seguridade e confort.
As obras no complexo deportivo veñen completar as melloras realizadas nos campos de fútbol, onde se substituíron os céspedes artificiais, se renovou a iluminación, se substituíu a cuberta da tribuna e se mellorou o pavimento, así como os vestiarios e a galería de acceso.
Melloras noutras infraestruturas deportivas
Diego Calvo referiuse tamén a outras reformas integrais pendentes nos complexos deportivos na cidade, nas que se está á espera de que o Concello avance nas respectivas tramitacións. É o caso da Sardiñeira, onde xa se acometeu a reparación parcial da cuberta e se prevé un investimento global de 2,5 millóns de euros, e de Agra I, cun orzamento previsto de arredor de 2,8 millóns de euros.
Por outra parte, no que se refire ás instalacións de xestión directa desde a Xunta, xa se remataron as reformas dos pavillóns de Monte Alto, Agra II e Monte das Moas, por case 2 millóns de euros. A maiores están as obras previstas para realizar en Elviña II este verán por un montante de máis de 1 millón de euros.
Diego Calvo incidiu en que estas iniciativas se enmarcan no compromiso do Goberno galego coas infraestruturas deportivas da cidade para promover o benestar e a saúde da cidadanía, dotándoa dunhas instalacións axeitadas para a práctica do deporte e a actividade física.