A Xunta destina 3,5 millóns de euros á mellora dos parques empresariais de Galicia
O delegado territorial informou sobre a liña de axudas para a habilitación e modernización dos parques empresariais
O prazo para presentar solicitudes remata o vindeiro 3 de marzo
Lalín (Pontevedra), 13 de febreiro de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou, acompañado polo alcalde de Lalín, José Crespo, esta mañá o polígono industrial Lalín 2000, un dos máis importantes da provincia, para informar sobre as axudas da Xunta destinada á habilitación e mellora das infraestruturas dos parques empresariais, dotada cun orzamento de 3,5 millóns de euros.
Reguera puxo en valor a importancia deste tipo de investimentos para reforzar a competitividade do tecido empresarial, mellorar os servizos dos polígonos industriais e favorecer a atracción de novas empresas, ao tempo que se avanza na sustentabilidade, eficiencia enerxética e integración paisaxística destes espazos produtivos.
O delegado territorial lembrou que o prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o vindeiro 3 de marzo e animou ás entidades locais a concorrer a esta convocatoria para seguir mellorando as infraestruturas e servizos dispoñibles.
As actuacións subvencionables inclúen a implantación de melloras na iluminación pública con criterios de eficiencia enerxética; a construción ou mellora de plantas depuradoras de augas, así como colectores con vertedura á depuradora municipal; a xestión de residuos dentro do parque empresarial; a mellora das infraestruturas viarias, tanto de acceso como interiores; a implantación de servizos centralizados de subministración de gas e/ou hidróxeno; e as melloras nas infraestruturas e espazos públicos urbanizados orientadas á integración paisaxística dos polígonos.
Reguera salientou que estas axudas se enmarcan na estratexia da Xunta para impulsar a modernización dos parques empresariais galegos, dotándoos de infraestruturas máis eficientes, sostibles e adaptadas ás necesidades actuais das empresas, co obxectivo de xerar emprego, atraer investimento e favorecer o desenvolvemento económico local.