O delegado territorial visitou o parque empresarial de Allariz, beneficiario da última orde para a mellora das súas Infraestruturas, onde lembrou a apertura do prazo de solicitudes dunha nova convocatoria

Manuel Pardo salienta os máis de 500.000 € que a Xunta destina a seis polígonos industrias da provincia de Ourense para mellorar a súa competitividade

O delegado territorial lembrou que a Xunta ten aberto unha nova orde de axudas por máis de 3,4 millóns de euros dirixidas dirixidos aos concellos galegos para a habilitación e mellora das infraestruturas dos parques empresariais, ata o vindeiro 3 de marzo

Manuel Pardo explicou que as achegas desta orde teñen unha intensidade do 80% do importe total considerado como subvencionable e cun máximo de 120.000 euros para as solicitudes individuais e de 138.000 euros para as solicitudes conxuntas

O representante do Goberno galego subliñou que o obxectivo desta liña é a mellora dos servizos e o acondicionamento de infraestruturas existentes ou de nova incorporación co fin de que as empresas radicadas nos parques empresariais de Galicia poidan dispoñer de condicións máis competitivas

Ourense, 13 de febreiro de 2026

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá, acompañado da súa alcaldesa, Cristina Cid, o parque empresarial de Chorente, en Allariz, ao que a Consellería de Economía e Industria destinou máis de 40.000 euros para mellorar a infraestrutura viaria do polígono industrial, correspondente á convocatoria do ano anterior para mellorar as infraestruturas dos parques empresariais galegos.

O delegado territorial significou a aportación do Goberno galego de máis de 500.000€ aos parques industriais dos concellos de Allariz (40.308€), San Cibrao das Viñas (120.000€), Vilamarín (74.424€), Xinzo de Limia (59.310€), O Pereiro de Aguiar (119.966€), e A Gudiña (93.522€), que encadra coa política industrial da Xunta a prol da modernización e á competitividade dos polígonos industriais e facilite que as empresas dispoñan dos servizos e infraestruturas que necesitan para levar a cabo a súa actividade.

Aproveitando a súa visita, o delegado territorial lembrou que o Goberno galego ten aberto  unha nova orde de axudas por máis de 3,4 millóns de euros dirixidos aos concellos galegos que queiran realizar melloras relativas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, infraestruturas viarias, así como servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde. Neste senso, puntualizou que, como novidade deste ano, se poderán destinar a mellorar as infraestruturas e espazos públicos do parque empresarial para contribuír á súa integración paisaxística.

Manuel Pardo explicou que as achegas desta orde teñen unha intensidade do  80% do importe total considerado como subvencionable e cun máximo de 120.000 euros para as solicitudes individuais e de 138.000 euros para as solicitudes conxuntas, contemplando anticipos de ata o 25% da axuda concedida. Tamén recalcou que as solicitudes, que terán un prazo de presentación ata o 3 de marzo, poderanse presentar individualmente ou de forma conxunta baixo calquera fórmula.

O representante do Goberno galego concluíu destacando o compromiso da Xunta co sector empresarial ourensá que, mediante unha liña de colaboración e comunicación con todos os concellos,  pretende optimizar os servizos e infraestruturas dos parques empresarias a prol da fixación e implantación de compañías,  e o fomento do emprego local.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/02/2026