Achega de 20.000 euros para a mellora dos sistemas asociados ao pago

A Xunta concede axudas a estacións de servizo para a súa modernización tecnolóxica e dixital

Ana Ortiz visitou este luns a estación de servizo Monte Real, en Baiona, tras recibir unha das axudas encamiñadas á modernización tecnolóxica e dixital

Baiona (Pontevedra), 16 de febreiro de 2026

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este luns a estación de servizo Monte Real, en Baiona, unha das empresas beneficiadas polas axudas da Xunta para a modernización tecnolóxica e dixital das gasolineiras de ámbito rural. En concreto, a compañía recibiu unha achega de preto de 20.000 euros que lle permitirá incoporar a mellora de sistemas asociados ao pago.

Ana Ortiz, que estivo acompañada polo alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, lembrou que estas achegas da Consellería de Economía e Industria están destinadas ás estacións de servizo situadas en concellos de ata 20.000 habitantes, de acordo cos últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística, ou ben naquelas parroquias que teñen a consideración de zonas pouco poboadas ou áreas rurais, no caso de estaren emprazadas en municipios de maior poboación.

A representante autonómica indicou que se trata dunha orde de apoios destinada á mellora do equipamento tecnolóxico e dixital das gasolineiras situadas no rural galego e, tamén, para sistemas de seguridade. E, ao igual que na convocatoria pasada, cobren as instalacións necesarias para a implantación do servizo de retirada de diñeiro en efectivo, así como outros equipamentos de pagamento e plataformas para a adquisición de produtos e servizos.

O importe total desta convocatoria é de 800.000 euros, cun máximo de 30.000 euros por solicitude; ata 5.000 euros para a adquisición de grupos electróxenos; e ata 1.500 para a instalacións de desfibriladores.

O pasado ano, beneficiáronse destas axudas un total de 45 estacións de servizo: 17 na provincia da Coruña, 8 en Lugo, 14 na de Ourense e 6 en Pontevedra. Por outra banda, con respecto ás gasolineiras nas que xa se pode retirar efectivo, cómpre salientar que, polo de agora, son 104: 66 na provincia da Coruña, 21 en Pontevedra, 9 na de Ourense e 8 en Lugo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/02/2026