A Xunta aproba o anteproxecto de Lei que incluirá o pagamento en efectivo para as deducións fiscais en libros e material escolar
Rueda sinala que o documento remitirase ao Parlamento como proxecto de Lei de lectura única, un procedemento que permite acelerar a aprobación da norma, reducindo os prazos
Subliña que se trata dunha medida excepcional que permitirá optar a esta dedución ás familias que xa realizaron as compras no 2025 e que descoñecían que calquera beneficio fiscal non admite pagamentos en efectivo
Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o Consello hoxe o anteproxecto de Lei de medida excepcional en materia fiscal que inclúe o pagamento en efectivo para as deducións fiscais en libros e material escolar.
Segundo sinalou o titular do Executivo galego, o documento remitirase ao Parlamento como proxecto de Lei de lectura única, un procedemento que permite acelerar a aprobación da norma, reducindo os prazos. Con esta medida excepcional permitirase ás familias que descoñecían que calquera beneficio fiscal non admite pagamentos en efectivo optar a esta dedución, de grande importancia para moitas unidades familiares. O Goberno galego cumpre así co compromiso adquirido de xeito rápido e eficaz.
Ferramenta de control
O presidente lembrou que co obxectivo de apoiar “ás familias con fillos en idade escolar” e favorecer a igualdade de oportunidades no acceso á educación obrigatoria, o Goberno galego puxo en marcha unha nova dedución fiscal no imposto sobre a renda das persoas físicas pola adquisición de libros de texto e material escolar, a través da Lei de medidas fiscais e administrativas de Galicia. Unha medida que, tal e como apuntou, beneficiaría a “arredor de 60.000 familias” cun “aforro de arredor dos 6 millóns e medio de euros”. O documento sinala na súa disposición adicional quinta, que, no que se refire aos medios de xustificación do gasto, “en ningún caso darán dereito a practicar esta dedución as cantidades satisfeitas mediante entregas de diñeiro de curso legal”.
Rueda sinalou que este requirimento é un principio xeral que non se limita ás desgravacións en gastos de material escolar, senón que é común a calquera beneficio fiscal. É unha ferramenta de control das políticas públicas para garantir a eficiencia, legalidade e sustentabilidade financeira da Administración.
Porén, para non prexudicar as familias que descoñecían esta medida, o Goberno galego aproba este anteproxecto de lei que modifica a disposición adicional quinta da lei de medidas para aceptar tamén os pagamentos en efectivo que teñan a acreditación de gasto correspondente emitida, entre o 1 de xullo e o 31 de decembro, ambos incluídos.