A Xunta activa para mañá a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego

Suspéndese a actividade deportiva do programa Xogade e federada no mar nos concellos afectados

Incídese na importancia de seguir as medidas de protección e de extremar as precaucións, e aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese

Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, o Goberno galego informou da situación, entre outros, aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2026

A Xunta activou para mañá a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego. Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a  Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde primeira hora da mañá no noroeste da Coruña, estendéndose ao mediodía ao resto da provincia e a Lugo, e xa pola tarde a Pontevedra. Agárdase mar combinada do oeste ou noroeste con ondas de ata sete metros e vento do oeste ou suroeste de ata forza oito, que ocasionalmente no noroeste da Coruña pode ser de ata forza nove.

A Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes anunciou a suspensión da actividade deportiva federada e do programa Xogade no mar nos concellos afectados, que poden consultarse na web Deporte Galego.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Data de actualización: 17/02/2026