As Neves renova o sistema de iluminación do campo de fútbol Pepe Capón grazas a un investimento da Xunta de 55.000 euros
O delegado territorial visitou o resultado das obras e destacou o importante aforro enerxético que supón esta actuación
Os traballos consistiron na instalación de cinco proxectores LED de 1.000 vatios en cada unha das catro torres de iluminación
As Neves (Pontevedra), 18 de febreiro de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou onte as instalacións do campo de fútbol municipal Pepe Capón, no concello das Neves, con motivo das obras de mellora da iluminación que se levaron a cabo grazas a un convenio coa Xunta.
A actuación, que contou cun investimento autonómico de preto de 55.000 euros, consistiu na retirada do actual sistema de iluminación do campo de fútbol e na instalación de cinco proxectores LED de 1.000 vatios en cada unha das catro torres de iluminación do campo.
Esta obra permite, non só mellorar a calidade do alumeado desta instalación deportiva, senón que ademais permite un aforro enerxético de máis do 50% con respecto ao antigo sistema.
O delegado territorial explicou durante a visita que “esta actuación é moi importante porque permite actuar en dous aspectos que son clave para a Xunta. Por un lado, na mellora das condicións das instalacións deportivas galegas e por outro na mellora da eficiencia enerxética”. Reguera asegurou que “os altos gastos correntes son un dos principais problemas aos que teñen que facer fronte os concellos e reducilos significa que os municipios terán á súa disposición un maior orzamento para gastar en actividades que beneficien directamente aos seus veciños e veciñas”.