A delegada territorial, Ana Ortiz, visita ao obradoiro da Panadería Barrio do Cura en Vigo

A Xunta destina máis de 1,1 millóns de euros á formación de 850 traballadores da área de Vigo a través do Bono Talento Empresa

Destaca o investimento do Goberno galego en accións formativas para mellorar o desenvolvemento profesional

Un total de 62 empresas de oito municipios da comarca viguesa beneficiáronse desta iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Vigo, 18 de febreiro de 2026

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este mércores o obradoiro da panadería Barrio do Cura, con sede en Vigo e beneficiaria do Bono Talento Empresa para a realización de proxectos formativos de corta duración que desenvolve a entidade.

Con estas achegas, cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FSE+ de Galicia 2021-2027, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración financia formacións non regradas de curta duración, axustadas ás necesidades particulares de cada empresa e buscando reforzar as competencias e habilidades das persoas traballadoras nos ámbitos dixital, industrial, de xestión, de servizos persoais e a clientes.

No caso da panadería Barrio do Cura, o Goberno galego apoiou cursos relacionados coa xestión empresarial. Ao abeiro da convocatoria do ano pasado beneficiáronse desta iniciativa na área de Vigo un total de 852 traballadores de 62 empresas de 8 concellos distintos (Baiona, Cangas, Gondomar, Moaña, Mos, Nigrán, O Porriño e Vigo), por un importe total de máis de 1.109.000 euros.

Neste sentido, a delegada territorial puxo de relevo o valor deste tipo de apoios para contribuír á competitividade do tecido empresarial galego neste contexto de rápidos cambios tecnolóxicos e organizativos.

Os proxectos formativos —de modalidade presencial e compostos por un máximo de tres accións, cada unha de entre 16 e 100 horas— poderán adaptarse no relativo a contidos, programas, persoal docente ou lugar de celebración segundo as necesidades concretas de cada solicitante. Deste xeito, preténdese que as empresas dean resposta áxil e flexible a unha contorna laboral de cambios cada vez máis rápidos, especialmente no contexto da dobre transición dixital e verde.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/02/2026