Medio Rural convoca a máis de 1.700 aspirantes para as probas físicas do persoal do servizo de prevención e defensa contra incendios forestais
Tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, estes exames terán lugar no Estadio Municipal Vero Boquete de Santiago de Compostela os próximos días 24, 25, 26 e 27 de febreiro
Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se convoca a máis de 1.700 aspirantes que deberán realizar as probas físicas dos integrantes das listas de determinadas categorías do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais (SPIF), que terán lugar no Estadio Municipal Vero Boquete de Santiago de Compostela os próximos días 24, 25, 26 e 27 de febreiro.
O día 24 están convocadas as persoas cuxo primeiro apelido vai desde Abad Santomé ata Dueñas Ramallo; o 25, desde Duo Suárez ata Lojo Caamaño; o 26, de Lolo Bardasco ata Quintas González; e o 27, de Quintas Martínez ata Zarra Corral.
A proba física, coñecida como Field Test, consiste en camiñar 3.200 metros sobre terreo plano cun peso de 11 kg ás costas nun tempo máximo de 30 minutos. Esta proba deberá ser realizada polos integrantes das listas das seguintes categorías profesionais: técnico/a superior de defensa contra incendios forestais; técnico/a forestal de defensa contra incendios forestais; bombeiro/a forestal xefe/a de brigada; bombeiro/a forestal condutor/a de motobomba; bombeiro/a forestal condutor e bombeiro/a forestal.
A maiores, tamén se terá en conta a escala técnica do SPIF na especialidade de bombeiro forestal xefe de brigada, así como a escala auxiliar nas especialidades de bombeiro forestal-condutor de motobomba e na de bombeiro forestal.
A relación de aspirantes convocados á realización das probas físicas, aqueles que remitisen un certificado médico oficial que acredite que non padecen enfermidade ou discapacidade que impida a correcta realización dunha proba de esforzo físico, poderá consultarse na seguinte ligazón:
https://ovmediorural.xunta.gal/gl/areas-tematicas/prevencion-incendios.
Máis de 5.700 aspirantes para as probas visuais
Os pasados 9, 10 e 11 de febreiro realizáronse na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) as probas visuais dos integrantes das listas de determinadas categorías do SPIF, que consistiron na avaliación da agudeza visual afastada en ambos os ollos e da visión cromática, mediante dispositivo tipo Visiotest ou equivalente.
Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260218/AnuncioG0426-100226-0009_gl.html